O Goberno eleva ao vindeiro Pleno a proposta para converter en zona verde o sector urbanístico do Garañón

O Goberno local elevará ao vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará o xoves 29, a súa proposta para modificar o PXOM co fin de que o sector urbanístico CS-5 -O Garañón pase a ter a cualificación urbanística de zona verde. Deste xeito, se a Corporación aproba a iniciativa do Executivo, tras a demolición total da edificación, neste ámbito non poderá levantarse ningunha outra, pois estará dedicada ao esparexemento e lecer da cidadanía.

Esta decisión está vinculada coa execución dunha das tres sentenzas xudiciais referentes ao Garañón, a que implica unha nova ordenación urbanística deste sector a través dunha modificación puntual do PXOM, na busca dunha mellor harmonización coa contorna. O Goberno local considera que o que mellor harmoniza co entorno é unha zona verde, que dea continuidade ao parque de Rosalía de Castro e o Miño axudando a integrar o río na cidade, o que constitúe ademais un dos piares do seu modelo de cidade.

Antes de tomar esta decisión, o Executivo pediu o pasado marzo a Patrimonio da Xunta que informase ao respecto, co fin de traballar conxuntamente –administración autonómica e local- na definición das determinacións urbanísticas que harmonizasen co entorno.

Esta proposta foi abordada esta mañá polos grupos políticos municipais na Comisión de Desenvolvemento Sostible e Persoal previa á sesión plenaria do vindeiro xoves. O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, reiterou que o Goberno abrirá unha canle de negociación co propietario encamiñado a compensar os dereitos edificatorios que ten coa cesión doutras parcelas municipais. Así mesmo, subliñou que os técnicos municipais sinalan que é innecesario e mesmo absolutamente inconveniente que, como propoñen algúns grupos da oposición, se faga un estudo económico a priori, antes sequera de que o Pleno acorde o inicio do expediente para a modificación puntual do PXOM, porque podería condicionar ou prexudicar nun futuro ao Concello.

En calquera caso, un expediente de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal sempre leva consigo obrigatoriamente a inclusión dun estudo económico financeiro, que terá que ser ademais fiscalizado, como a totalidade do expediente, polo servizo de Intervención. Así mesmo, en ningún procedemento para adquirir terreos se fai unha valoración previa do seu custe: non se fixo para os terreos do novo colexio do Sagrado Corazón, a estación intermodal, o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, a humanización da avenida Infanta Elena ou a ampliación do paso soterrado baixo a N-VI.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com