O Goberno local de Lugo acusa á Xunta de “non ofrecer ningunha alternativa de conciliación”, fronte ás máis de mil prazas en diferentes actividades que ofertou este verán a entidade local. Deste xeito respostaba a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira ás acusacións do Grupo Municipal do Partido Popular sobre a falta de servizos de conciliación ofertados polo Concello.
A este respecto, González Abelleira lamentaba que “unha vez máis o PP actúe como unha mera sucursal da Xunta, intentando enmascarar a nula xestión do Goberno de Feijóo”. “Pretenden enganar aos lucenses cunha cortina de fume, pois mentres a Xunta en Lugo non oferta alternativa de conciliación, o goberno municipal socialista ofreceu este verán máis de 1.000 prazas en diferentes actividades”, asegurou a edil, quen denunciou a “hipocresía” do PP, quen esixe en Lugo o que abandona dende Santiago.
Neste senso, Abelleira lembrou que a entidade local ten en marcha ao longo de todo o ano o programa Aprende Xogando, ampliando as prazas e o horario no Nadal e no verán, meses nos que se ofertaron 630 prazas. Deste xeito en verán, o centro da Milagrosa pasa de ofrecer 37 a 45 prazas por quincena, o de Maruja Mallo, de 37 a 40, e o Uxío Novoneyra, de 25 a 28. Ademais, en xullo e agosto, o Concello ofreceu 45 prazas, tamén por quincena, en María Balteira.