A alcaldesa de Lugo acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, deu a coñecer este luns, na Avenida Marqués de Ombreiro coa Ronda do Carme, unha nova medida de mobilidade sostible do Goberno, coa idea de transformar a Lugo nunha cidade do século XXI. Trátase dun novo carril bici, que alcanza os 15,2 quilómetros de sendas ciclistas na cidade, ben mediante vías separadas ou zonas de coexistencia, fronte aos 1,54 quilómetros que existen ata o momento.
“É un proxecto ambicioso, que busca converter a bici nun elemento normalizado da paisaxe de Lugo”, subliñou a rexedora na presentación, na que tamén estivo presente o técnico municipal Miguel Ángel Negral. Así mesmo adiantou que dito proxecto foi redactado ademais en base ao Plan de Mobilidade e Espazo Público e ao Proxecto de Promoción da Bicicleta de Lugo, dous instrumentos cos que xa contaba o Concello.
O ámbito de actuación é o correspondente á estratexia EDUSI de Lugo, Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% con fondos FEDER. Os seus límites aproximados son a Avenida da Coruña, Ronda da Muralla, Parque Rosalía de Castro, río Miño cara o río Mera, límite da zona urbana en Abella e rúa Mazaira.
En 27 tramos haberá tanto carriles bici segregados com rúas ciclistas. As vías ciclistas, que estarán separadas tanto por sinalización vertical como por separadores ovalados de caucho de distintos tamaños, poden ser bidireccionais ou unidireccionais, ben de subida ou de baixada, existindo tamén rúas ciclistas que contarán con tráfico ciclista a contrasentido. Nas denominadas rúas ciclistas reducirase a velocidade xenérica a 20Km/h para garantir a seguridade.
Este proxecto tamén contempla aparcabicis e aparcadoiros cubertos, en aquelas zonas onde se prevé unha estancia larga, como colexios ou nas proximidades de paradas de autobús urbano, por exemplo.