O voceiro municipal, Miguel Fernández, subliñou este martes que o Goberno, aínda que en minoría, “ten un dobre mandato para gobernar: os votos da cidadanía e os votos de confianza outorgados por outras forzas políticas. Vámolo seguir facendo por riba de atrancos, por riba dunha especie de todos contra o goberno”.
“Serán os outros grupos os que deberán explicar por que, cedendo a súa capacidade de oposición, se alían co Partido Popular para bloquear a toda costa calquera iniciativa deste goberno, e deberán xustificar a irresponsabilidade de moitas das súas propostas”, asegurou Fernández.
O edil fixo estas declaracións nunha comparecencia na que valorou “os últimos posicionamentos dos diferentes grupos da oposición e os seus comportamentos específicos no transcurso dos plenos, cumprindo precisamente coas dúas máximas que dende o principio mantivo este goberno: a transparencia e a participación”.
Miguel Fernández recalcou que o diálogo é, e será sempre “unha constante na nosa acción de goberno nos próximos catro anos, pero tamén garantimos con total rotundidade que este Goberno municipal vai seguir gobernando e tomando as decisións que considere importantes en beneficio dos veciños e veciñas desta cidade”.
O diálogo “é unha máxima”, incidiu o Voceiro, pero nunca, pola contra, “ningún grupo deberá crer que a súa opinión é unha máxima ou un credo. O diálogo é a mellor das ferramentas para atopar a solución óptima a cada un dos problemas. E se deixa de ser unha ferramenta e se converte nunha coacción como está a acontecer neste momento no Goberno Municipal co tema da ORA, novamente os grupos terán que dar conta diante da cidadanía. Deberán explicar a súa postura ante unhas decisións que tomamos en consenso e en sintonía coa maioría do tecido asociativo da nosa cidade”.
“Endexamais imos permitir que o diálogo sexa imposición, coacción ou secuestro da lexítima tarefa de gobernar. Diálogo é debater. É participar na toma de decisións”, afirmou.
Fernández esixiu asemade, “responsabilidade e rigor á oposición” nas súas propostas. “Se ben é certo que a tarefa da oposición é fiscalizar ao goberno e presentar alternativas que aporten á súa xestión, non é menos certo que, ata o de agora, nada diso se ten feito”. “Evidentemente, neste Concello facer oposición semella sinxelo.
“Pódese pedir a remunicipalización de todos os servizos, pedir crear no entorno do río un parque temático, pódense pedir incluso cousas de dubidosa legalidade como o cobro de determinados tributos como aconteceu no último Pleno. E postos a pedir, pódese pedir incluso iniciativas xa realizadas polo goberno, como garantir a subrogación do persoal da ORA asumindo, por certo, toda a oposición ser liderados, sen o máis mínimo rubor, polo voceiro do Partido Popular”, afirmou.
Por iso, engadiu o Concelleiro, “os lucenses deben ter dúas cousas perfectamente claras: cada unha das peticións leva aparellado un importante custe económico e corresponde a oposición nun exercicio de responsabilidade dicir claramente de onde pretender recortar para impulsar determinadas medidas. Propostas si, se aceptamos como máxima o canto mellor, mellor. Pero non imos a permitir reducir nin un só euro en prestacións sociais por remunicipalizar un servizo ou desenvolver unha infraestrutura”.
“Temos moi claro que a prioridade son as persoas. Sabendo, como sabemos, que por desgracia, moita xente está a pasalo moi mal pola crise da que non foron responsables e debido a unhas políticas de recorte social levadas a cabo teimudamente polos gobernos do PP tanto na Xunta de Galicia como no Estado. A liña vermella deberá coñecela tanto o Partido Popular, como o resto dos Grupos que, sendo de esquerdas, nacionalistas ou centristas, se alían co PP. Esa liña vermella representa, nin máis nin menos, garantir o benestar para a cidadanía lucense e ofrecerlles servicios suficientes e de calidade”, sinalou.
“Diálogo e participación si, sempre. Pero o noso maior diálogo e os nosos pactos, e así o defendemos dende o primeiro momento e o seguiremos defendendo, son e serán sempre cos veciños e veciñas desta cidade”, indicou o Voceiro.
Miguel Fernández destacou neste senso que nos “escasos tres meses de goberno que levamos á fronte do Concello de Lugo, constatouse pola vía dos feitos que o Goberno aposta decididamente pola participación e a transparencia dunha maneira clara”.
Afirmou neste senso que “institucionalizamos as Xuntas de Voceiros antes de cada unha das sesións plenarias para abordar os asuntos cotiás, ou como desenvolvemos unha normativa para que a oposición poida fiscalizar de maneira obxectiva e directa, incluso de forma máis rigorosa do que dicta a propia Lei, os contratos menores”, e que o Goberno “endexamais puxo nin o máis mínimo atranco ao acceso da documentación pedida polo resto de grupos, feito que non é loable en si mesmo para nós, pero si novedoso, en comparación co proceder dalgúns dos alcaldes do Partido Popular. O que resulta rebelador da actitude e compromiso deste Goberno”.
Froito dese diálogo, engadiu, “chegouse a un acordo lexitimados pola más estricta forma democrática de participación: a votación. Así eliximos ao pregoeiro do San Froilán, elevamos a Pleno unha Declaración Institucional en defensa do sector lácteo ou debatemos sobre a idoneidade ou non de que este Concello conte cun Cronista Oficial”.