O Goberno local dá o visto e prace á urbanización de San Roque que rematará coa pasarela “provisional” da Ronda

O executivo de Lara Méndez iniciou a conta atrás para recuperar a esquina de San Roque, dignificando unha das principais entradas da cidade ao Casco Histórico. A Xunta de Goberno aprobaba esta mañá, de forma inicial, o proxecto para urbanizar a mazá do PEPRI 214A, comprendida entre a Rolda da Muralla, San Roque e o Carril das Flores, que executará a iniciativa privada.

Lara Méndez referiu que esta solución chega “máis de 40 anos despois de que o alcalde lucense nesa época, Jesús Ibañez remitise unha providencia aos servizos técnicos municipais instando a buscar unha alternativa para este acceso, e 30 anos despois de que o rexedor Notario Vacas construíse a actual pasarela de metal”, que naceu como provisional.

Méndez destacou que “poñemos fin, así, a un longo percorrido burocrático, lastrado en parte polos prolongados procedementos administrativos. Cómpre subliñar que a urbanización que se propón respecta todas as determinacións contidas nos informes dos Servizos Municipais de Enxeñería, Arqueoloxía e Arquitectura, así como as trasladadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e que teñen como obxectivo garantir a conservación do Camiño Primitivo ao seu paso polo Carril das Flores”, afirmou.

Pola súa banda, o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, aportou outros detalles máis técnicos do proxecto, indicando que a proposta de actuación contempla obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque, así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com