O Goberno de Lugo vén de encargar dúas importantes actuacións incluídas no Plan de Barrios que contribuirán a mellorar a mobilidade de vehículos e peóns, obxectivo central do seu modelo de cidade. Trátase, por unha banda, da redacción do proxecto para crear unha nova glorieta no cruce de San Eufrasio con Fontiñas e, por outro, da elaboración dun estudo de tráfico na intersección da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, á altura da porta de San Fernando, dous puntos que rexistran unha moi elevada densidade de tráfico por encontrase en arterias de comunicación, que precisan dunha reordenación para gañar fluidez e seguridade.
No caso da glorieta de San Eufrasio, unha vez redactado o documento técnico, que determinará a solución máis axeitada para o cruce, tendo que conta a forte pendente que existe na zona, o Executivo abordará coa Xunta a cesión do tramo necesario da LU-530, de titularidade autonómica, para poder acometer as obras.
En canto á intersección da Ronda da Muralla coa Avenida da Coruña, o Goberno encargou un estudo de tráfico a través de ferramentas de simulación, que proporcionan imaxes sobre os movementos de vehículos e viandantes que rexistra este punto, co fin de determinar despois a medida máis acaída para regular a circulación, pois, aínda sendo viable unha rotonda, podería descartarse tendo en conta a elevada afluencia de peóns.