A edil titular da área de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou hoxe os resultados do proceso dos Orzamentos Participativos, que activou este ano o Goberno de Lugo coa finalidade de vincular activamente á cidadanía no desenvolvemento do municipio. En total, o Concello executará 28 propostas aportadas e escollidas polos veciños e veciñas, cunha inversión de 350.000 euros.
Tal e como detallou a Concelleira, no conxunto do proceso presentáronse 237 propostas de investimento, das que 107 foron viables, tras a análise dun equipo técnico municipal. Das 130 non viables, 46 son propostas que xa se están executando dentro doutros programas do Concello “o que indica que estamos traballo de acordo á cidadanía” subliñou a edil. Outras 26, a súa execución non era competencia do Concello e 27 sobrepasaban o orzamento de 15.000 euros, que se marcaba como máximo por proposta. Do resto, 20 non eran tecnicamente legais e 6 non se correspondían a gasto, senón a subvención.
A aplicación posta en marcha para os Orzamentos Participativos, e que sustentou todo o proxecto https://loop.lugo.gal/ recibiu máis de 6.100 visitas, e involucráronse na votación máis de 600 persoas. Á vista dos resultados, a concelleira fixo unha valoración moi positiva deste proceso de participación cidadá e democracia directa, que promoveu que a veciñanza pasara de observadora a protagonista activa do que ocorre en Lugo, co obxecto de mellorar entre todos o municipio.
Os ámbitos temáticos que abarcaban as iniciativas presentadas foron moi diversos, dirixíndose, principalmente, as propostas gañadoras aos eidos de emprendemento, servizos sociais e deporte. Tamén destacan as relacionadas co Mercado e ca Praza de Abastos e outras apostando por un espazo público máis amable.
As propostas máis votadas
- Arranxo do valado do CEIP Luis Pimentel
- Parque biosaudable no Barrio da Piringalla
- Proxecto EMPODERATE NENA!!
- Iluminación Parque Angelo Colocci-Gallego Tato
- Estudo do Plan de Accións para o Apoio da Transformación de ‘A Tinería’
- Letras de benvida á cidade
- Arranxo de zona de aparcadoiro do Cei Nodus
- Future Jobs Tools
- Campaña ‘Emprender cara a educación do futuro’
- II Feira Nenos Emprendedores CEI-NODUS
- Píldoras de Coñecemento para Emprendedores
- GROWTH HACKING APRENDER A CRECER
- CHATBOT LEARNING
- Restauración da fonte pública na parroquia de Esperante, no núcelo de Carballido
- LVCVS RAID. EMPRENDE O CAMIÑO
- PROGRAMA 3 C. CAPITAL CREATIVO COMPETITIVO
- Remodelación da Pista Roxa
- Eliminación de barreiras arquitectónicas
- Poyetes de competición para piscina municipal de Frigsa
- DANDO VIDA O BARRIO CON COR
- Instalación dun valado no lado da Praza do Castiñeiro e a rúa Lamas de Prado
- Equipo para personas con discapacidade
- Acondicionamento da entrada do Camiño Primitivo á cidade
- Corcheras de competición para piscina municipal de Frigsa
- Pista multideporte en prazas
- Ludoteca na Plaza de Abastos
- Decoración para as rúas no Arde Lucus
- Arranxo-sustitución do tellado da nave de Frigsa que empregan as asociacións do Arde Lucus