O Goberno local inviste 50.000 euros na peonalización da Rúa do Esquecemento

O Goberno local do Concello de Lugo acometerá a peonalización e humanización da Rúa do Esquecemento, cun investimento próximo aos 50.000 euros. A rexedora de Lugo mantivo un encontro este venres cos veciños e veciñas desta vía, situada no barrio da Milagrosa, para trasladarlles o proxecto co que o Concello modernizará e mellorará a rúa, gañando un novo espazo de socialización para a veciñanza. As obras, que comezaron no día de hoxe, estarán rematadas nun prazo aproximado de tres semanas.

 Lara Méndez apuntou que “con esta actuación, coa que peonalizaremos unha vía de 100 metros de lonxitude, damos resposta a unha demanda veciñal, pois foron numerosas as peticións que recibimos, a través do proceso de participación cidadá do Plan Muramiñae Rehabilita, para acondicionar e restrinxir a circulación de vehículos nesta rúa, gañando espazo para os peóns e unha nova zona de esparexemento e de conexión social para o conxunto da veciñanza”.

A alcaldesa apuntou que “buscamos a consecución dun espazo máis humano e utilizable polo cidadán, facendo máis agradable o paso do mesmo pola vía e fomentar a socialización, cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Para iso, instalaranse parklets, estruturas de descanso que inclúen vexetación, unha solución novidosa, coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ofrecemos novos espazos de socialización e ampliamos as zonas verdes da cidade”.

Para cumprir estes obxectivos executarase un pavimento a cota das actuais beirarrúas, sen barreiras arquitectónicas de ningún tipo, e a instalación dun conxunto de dous bancos e mobiliario urbano tipo parklet dotado de iluminación propia, a través de tiras led conectadas á iluminación pública.

Así, o proxecto contempla, por unha banda, o peche da rúa ao tráfico rodado, con excepción de residentes e servizos de subministración aos negocios existentes, e por outra, a execución dun pavimento peonil sobre o asfaltado actual, o recrecido dos pozos de rexistro existentes no firme viario, así como a dotación de mobiliario urbano e nova iluminación. 

Actualmente, a Rúa do Esquecemento é unha vía de carril único e dobre sentido de circulación, de uso practicamente exclusivo por parte dos residentes e dos usuarios dos garaxes dos edificios adxacentes. Trátase dunha rúa cega, xa que aínda que os peóns si poden comunicarse a través dela entre a Rúa do Camiño Real e a Avenida da Coruña, só hai unha única entrada e saída para os vehículos.

Esta actuación enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com