O goberno local poderá comezar a executar as partidas orzamentarias

O Concello de Lugo está de noraboa, dende o xoves, previsiblemente,o goberno socialista local poderá executar todas as partidas orzamentadas no documento presupostario de 2018, que resultou aprobado hoxe no Pleno Extraordinario, aínda que non sen debate. Estes orzamentos saíron adiante tras acordar, cos votos a favor do
PSdeG e a abstención dos 5 grupos da oposición, inadmitir ou desestimar todas as alegacións, excepto unha, a correspondente á eliminación dos postos non ocupados e  orzamentados na plantilla que non teñen reflexo na Relación de Postos de Traballo (RPT), que se admitiu cos votos a favor do PSdeG, PP e Ciudadanos, e a abstención
de Lugonovo, BNG e ACE.

Esta era a última oportunidade da oposición de demostrar o seu rexeitamento a estes orzamentos presentados polos socialistas sen consultar a ningún grupo da oposición nin contar co seu apoio. Detalle que non se lle escapou a ningún dos voceiros que tomaron a palabra neste pleno. A pesares de non ter apoios ao non haber, no seu momento, unha moción de censura, hoxe quedaban aprobados de todas as maneiras, sobre todo tras a advertencia da voceira socialista, a edil de Economía, Ana Prieto, quen asegurou que votar hoxe en contra sería infrinxir a lei. Algo que non gustou á oposición. 

“Non podemos votar en contra porque sería infrinxir a lei”, explicaba o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe quen comezou por lembrar que “non se intentou chegar a un acordo en ningunha das partidas orzamentarias que se nos presentaron, que todo estaba calculado, todo estaba vinculado á moción de confianza, e que non había nin un só voto de ningún dos cinco grupos da oposición”. Argumento, este de Portomeñe que tamén seguiron os demáis grupos.

Todos os partidos da oposición resaltaron as grandes eivas “imperdoables” destes orzamentos e dado que tampouco se podía debater sobre o contido do proxecto presupostario presentado polos socialistas, as alusións da oposición eran sempre aos mesmos temas: a falta dunha partida para tirar o Garañón, que o cadro de persoal non se axuste á RPT, e un exceso de cartos dedicados á Pasarela do Anxo Carro “con columnas dóricas”.

“Seguimos convencidos de que existen ilegalidades”, explicaba a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, para lembrar que unha das alegacións estimadas que fora, precisamente, por un membro do seu grupo, coincidía cunha enmenda presentada pola propia Louzao no primeiro Pleno no que se falou de orzamentos e que non foi apoiada polo goberno. “para unha mesma reclamación presentan dúas respostas diferentes, esiximos que diga a que se debe este cambio de postura”, reclamaba a de Cidadáns ao goberno local.

Pero Louzao non se quedou aí e botou en cara ao equipo socialista que estes orzamentos que mañá sairán publicados no Boletín Oficial da Provincia “son só  do equipo de goberno” quen nun ano, afirmou, deberá “render contas para ver que fixeron, pero moito nos tememos que atoparán unha nova excusa”.

Ante estes argumentos compartidos entre os grupos da oposición, o goberno socialista só soupo dar a súa visión dos orzamentos e se reiteraron nas mesmas declaracións que xa fixeran noutros debates de presupostos: “este é o orzamento máis investidor da última década”, explicaba Ana Prieto, un argumento que seguiu sen convencer a ningún grupo. O nacionalista Rubén Arroxo, aproveitou estas declaracións para advertir ao goberno socialista que non perdese esta oportunidade porque estes ían ser “os últimos orzamentos que sacarán adiante nesta lexislatura”. Arroxo reiterou que “Lugo pode ter a oportunidade de deixar a parálise” pero, aínda así, rematou o seu discurso pedindo ao goberno “un cambio de rumbo”.

Pola súa banda, Antonio Ameijide, fixo un chamamento ao goberno local pedíndolle que deixaran de actuar como se tiveran a maioría e “deixasen a un lado a soberbia que lles caracteriza para centrarse en traballar” para que non pase o que xa sucedeu cos anteriores orzamentos, os de 2016, nos que unha gran cantidade de cartos -e proxectos- quedaron nun caixón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com