O concelleiro de educación, Manuel Núñez, rexeita convocar a reunión demandada por todos os grupos da oposición para abordar a cuestión dos comedores escolares.
Hai unhas semanas o grupo de ACE-Esquerda Unida denunciou que o servizo de comedores de titularidade municipal estaba a levarse a cabo por medio dunha empresa sen contrato nin convenio coa administración, motivo polo cal pediron explicacións no último pleno municipal
Os grupos consideraron que as explicacións de Núñez non foran convicentes e acusárono de “mentir” e ofrecer versións contraditorias, polo que solicitaron unha xuntanza con el e todos os actores involucrados no tema. Agora, mediante un escrito, Núñez defende que “o debate plenario é a maior garantía de transparencia e acceso á información” e defende que “dentro do programa Municipal Escola Aberta non é obxecto de contrato o cátering das comidas escolares”.
Desde o PP de Lugo cren que as explicacións de Núñez amosan “desprezo e falta de sensibilidade” cara esta cuestión.
Desde Ciudadanos sinalan que o argumento de Núñez é “ridículo e incomprensible” e defenden que dita contestación amosa que tanto o concelleiro como, por extensión, a alcaldesa “evitan calquera tipo de responsabilidade e amosan falta de interese nesta materia”.