O Goberno mantén a prórroga dos Orzamentos de 2016 ao non conseguir o apoio de ningún grupo da oposición

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres a fin das negociacións e do diálogo sobre os novos orzamentos municipais e a continuidade da prórroga das contas de 2016, unha vez que todos os grupos da oposición manifestaron o seu posicionamento ao respecto e decidiron non apoiar os presupostos. O Psoe que conta con oito concelleiros, necesitaría polo menos dun voto para facer fronte aos nove do PP que xa anunciaron está maña, que votarían en contra.

A día de hoxe, explicou a rexedora, os orzamentos do Concello están prorrogados, co que “agora seguiremos a traballar dende a seriedade e a rigorosidade para sacar adiante modificacións de crédito con apoios puntuais co fin de garantir investimentos na cidade e poder aplicar os fondos europeos que fomos capaces de captar”, nomeadamente o DUSI, así como outros proxectos destacados, como o Plan de Barrios.

“Levamos moitos meses falando con todas e cada unha das forzas políticas, ás que propuxemos a nosa proposta orzamentaria e mesmo chegamos a negociacións moi avanzadas, plasmándose incluso acordos, pero finalmente decidiron non apoiar este orzamento, polo que dende o Goberno, coma sempre, seguiremos exercendo a nosa responsabilidade”, asegurou Lara Méndez. “Os orzamentos prorrogados van a afectar a moitas cuestións, dende os propios investimentos, pero haberá que seguir traballando cos instrumentos que temos para garantir o ben da cidade”, indicou.

Por outra banda, a Alcaldesa descartou a presentación dunha cuestión de confianza vinculada aos Orzamentos por “responsabilidade”, dado que supoñería a paralización da cidade, tendo en conta que, “ás alturas do ano nas que estamos, poderíamos ter os presupostos aprobados no último trimestre, sen case posibilidade de execución”. Polo tanto, recalcou, “recorreremos a outros instrumentos dos que se nos dota á administración para poder seguir investindo e executando fondos, e buscando o ben da cidade, que é o que facemos sempre dende o Goberno”.

Así mesmo, a preguntas dos xornalistas, a rexedora aludiu á proposta de Lugonovo de formar un goberno de concentración de esquerdas, afirmando non saber a que se refire esta formación, pois “nós sempre falamos de gobernos de coalición, unha posibilidade que se ofreceu no 2015 e da que volvemos a falar noutras ocasións porque sempre tivemos e temos a man tendida”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com