O Goberno pide asesoramento externo para ver se presenta recurso de casación polo Garañón

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniu este martes aos voceiros de todos os grupos políticos que forman a Corporación Municipal, para continuar abordando as dúas sentenzas do Tribunal Superior da Xustiza de Galicia sobre o proxecto de urbanzación e a licenza da Unidade de Actuación CS5, máis coñecida polo Garañón. Trátase esta da segunda xuntanza en menos dunha semana que convou a rexedora para estudar este asunto, no marco da aposta pola transparencia e o diálogo do Goberno como forma de relacionarse coa oposición, a quen se lles puxo a disposición de toda a información técnica, e sobre todo, a cronoloxía dos feitos.

Tras a reunión, a rexedora explicou que ao longo da sesión os técnicos municipais explicaron pormenorizadamente os antecedentes e como se chegou desde plano administrativo a esta situación. “Todos sabemos que é un tema de suficiente complexidade, que pode afectar moito á cidade e á cidadanía de Lugo, e por iso queremos darlle esa participación a todos as forzas políticas que conforman a Corporación”.

Lara Méndez tamén avanzou que se pedirá un informe xurídico externo sobre as posibilidades do recurso de casación como un foco máis de información para tomar a decisión que máis e mellor preserve os intereses da veciñanza. Esta decisión foi tomada polo Goberno de acordo cos técnicos que consideran que, pode ser beneficioso para o Concello de Lugo as interpretacións de xuristas especializados

Por último, a Alcaldesa incidiu en que, en base a ese informe e en base ás reunións técnicas que o Goberno mantén, tomarase a mellor decisión para os intereses dos veciños e veciñas e para o futuro do Concello.

Lugonovo considera clave determinar o custes que ten para o Concello

O portavoz da formación cre que o asesoramento externo que solicitará a administración local para decidir si é convinte ou non recorrer a sentenza do TSXG,  debe avaliar tamén as cláusulas que se inclúen no acordo asinado, no seu día, co construtor do Garañón.

“Cómpre ter en conta unha cuestión de peso. Que o edificio é ilegal e ilegalizable e que, ademais de ser unha actuación que comparten Xunta, opinión pública e ate o promotor, tamén por lei, debe derrubarse. A súa demolición non influirá na contía da compensación que reciba o construtor. Independentemente de quen a abone, a licenza que lle foi concedida outórgalle unha serie de dereitos polos que terá que recibir unha contrapartida ao demostrarse, finalmente, que o permiso non era legal”, explica Santiago Fernández Rocha; e engadiu “parécenos fundamental que, de forma obxectiva e para anular a posible reclamación por lucro cesante, se revise pormenorizadamente o documento e se clarifique se contén algunha estipulación ilícita que poida invalidalo”.

O BNG pide que se inicie xa a programación do derribo do Garañón

O BNG por boca do seu voceiro, “entende que de agora en diante debese programar xa o derribo do Garañón, polo que aposta porque as vindeiras xuntanzas vaian xa nesa liña, e non só o derribo do propio edificio, senón que se debe estudar desfacer o movemento de terras feito, e recuperar as curvas de nivel orixinais que tiña o terreo”. Nesta liña dende o grupo nacionalista “cren que se debe evitar seguir dando voltas e sentarse a facer unha primeira programación do proceso de demolición, ao igual que valorar as diferentes opcións técnicas para levalo a cabo e os seus custes”.

En relación coa información trasladada dende o goberno municipal a respecto de que se vén de encargar un informe xurídico a unha asesoría externa, o BNG manterá a debida cautela ata que ese informe sexa publicado, co fin de que poidamos facer unha avaliación máis concisa. O voceiro do BNG tamén quixo apuntar, “que esta pode ser tamén unha posibilidade de buscar alternativas para que os custes ás arcas municipais sexan inexistentes, ou de non ser posible, que sexan os mínimos”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com