Esta maña na Xunta de Voceiros, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, propuxo unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 8 de Marzo como Día Internacional da Muller, “en aras de buscar unha igualdade real e efectiva, igualdade laboral e salarial, igualdade de xénero, igualdade que se materialice despois e que ademais loite contra a lacra social da violencia de xénero, que debemos combater por todos os medios”.
“O 8 de Marzo é unha ocasión para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor de mulleres comúns que desempeñaron unha función extraordinaria na historia, reclamando dereitos básicos como o acceso á educación, a cultura, o traballo ou a política”, reza a proposta de declaración institucional, que contempla a promoción de eventos dirixidos a reforzar o principio de igualdade, así como recomendar ás empresas a non discriminación en ningunha das súas formas e promover campañas de información e sensibilización permanentes e accesibles a toda a poboación. Impulsar campañas de sensibilización dirixidas a adolescentes, promover en centros educativos concursos sobre a igualdade e apoiar campañas de información dirixidas á poboación inmigrante son outros dos compromisos desta declaración.
O escrito pon de manifesto que a Administración Local é a máis próxima ao cidadán, máis próxima aos problemas que afronta a muller e por iso constitúe o axente dinamizador máis apropiado para promover unha sociedade verdadeiramente igualitaria, promovendo accións concretas dirixidas á prevención de conductas discriminatorias e á previsión de políticas activas de igualdade sobre os diversos ámbitos sociais e culturais. “É necesario un esforzo colectivo, polo que os Concellos debemos fomentar a mobilización e sensibilización da sociedade a través da concienciación”, subliñou a rexedora.