O Concelleiro de Persoal, Daniel Piñeiro, presentou hoxe na Mesa Xeral de Negociación, composta por Goberno e organizacións sindicais, a súa proposta para a Oferta Pública de Emprego (OPE) deste ano, que consiste na convocatoria de 32 prazas, 23 de acceso libre e 9 de promoción interna. Agora, os sindicatos estudarán a
iniciativa e en setembro o Goberno volverá a convocalos a unha nova reunión para aprobala, se procede nesa xuntanza, ou recibir e analizar posibles achegas.
Para poder presentar unha proposta de OPE, o Goberno esperou á aprobación da Lei de Orzamentos Xerais do Estado deste 2018, que se produciu o 4 de xullo, pois nela recóllese a taxa de reposición de efectivos permitida, máis ampla que a existente. As premisas nas que se basea a oferta de emprego, segundo explicou Piñeiro, son, “ademais do cumprimento de obrigas legais, responder ás necesidades máis urxentes detectadas nos servizos municipais, garantir as cadeas de mando nas distintas unidades e mellorar os servizos que se prestan á cidadanía”.
Esta OPE permitirá reforzar os servizos municipais, “que se viron moi mermados nos últimos anos polas imposicións do Goberno do Estado, pero tamén crear emprego na cidade”.