A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres de que o Goberno proporá ao Pleno que o Concello condone aos residentes nas vivendas sociais da Croa o importe económico correspondente ao valor dos seus inmobles, un valor que terían que pagar para poder facerse coa propiedade das mesmas.
Lara Méndez, que informou da decisión do Goberno aos portavoces dos grupos da oposición, explicou que agora os técnicos municipais conformarán o correspondente expediente administrativo para poder elevalo ao Pleno para o seu debate e aprobación se así o acorda a maioría da Corporación.
Esta decisión do Executivo de Méndez, de saír adiante, evitará un desembolso económico as familias da Croa, dentro do procedemento que se sigue para regularizar as vivendas sociais da Croa, que arrancou no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e en 1995 concedeuse a licenza de construción das vivendas. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tras o pulo dado ao procedemento polo actual Goberno local, no 2016 formalizouse a inscrición, que o Rexistro remitiu á entidade local en xuño de 2017.
O PP aplaude que o PSOE recoñeza a súa solución
Antonio Ameijide recorda que a solución proposta polo equipo de goberno é a súa e pasa por facer un proxecto de parcelación da zona na que se atopan as 15 vivendas da Croa, aprobalo en xunta de goberno e logo inscribir as parcelas no rexistro da propiedade e así entregarlles aos veciños as escrituras das vivendas
O popular di que queda patente que o único que facía falta “era vontade política por parte de Lara Méndez e o seu equipo de goberno para cumprir os acordos tomados en pleno a iniciativa do Grupo Popular xa que a folla de ruta a seguir é a marcada polo PP”
Os populares mantiveron esta mañá unha xuntanza cos veciños da Croa para cumprir co compromiso adquirido de mantelos ao tanto dos avances que grazas ao impulso dos veciños e do PP se está a dar para a entrega das escrituras.