O Grupo Provincial do Partido Popular urxe á Deputación de Lugo a que actúe en varias estradas ao seu paso polo termo municipal de Bóveda. En concreto, os populares demandan actuacións na LU-P-0902 que comunica as parroquias de Freituxe e Mosteiro coa LU-652, así como na LU-P-0907 de Teilán a Remesar, e que finaliza en Paradela.
A voceira do GPP, Elena Candia e o deputado José Manuel Arias, explican que estas dúas vías necesitan actuacións urxentes xa que o seu firme está en moi mal estado coa presenza xeneralizada de baches. Os populares están a trasladar unha reivindicación dos veciños aos que o bipartito provincial castiga de xeito continuado.
Candia e Arias reproban a situación que presentan estas vías malía á importante dotación económica que manexa o goberno bipartito provincial dirixida a manter en bo estado a súa rede viaria. “Só unha mala xestión dos fondos públicos explica o estado destas estradas”. Os populares acusan a socialistas e nacionalistas de sectarismo no emprego do diñeiro de todos os lucenses á hora de realizar actuacións nas estradas provinciais.
A LU-P-4703, que comeza na estrada autonómica LU-652, discorre nos seus primeiros 600 metros polo concello de Bóveda, mentres o resto dos treitos pertencen ao municipio de Pobra de Brollón. “O bipartito da Deputación só realizou obras nos quilómetros do municipio da Pobra mentres que deixou abandonado e en moi mal estado o seu inicio na localidade de Bóveda”, afiman.
Neste senso, os populares tamén urxirán en pleno actuacións neste primeiro treito da LU-P-4703 xa que os veciños non poden “estar a sufrir dexeito continuado as consecuencias dunha mala xestión dos fondos públicos”.