O Grupo Municipal do Partido Popular reclama ao goberno local unha solución ao problema de inundacións que se produce, nos últimos tempos, no local social do barrio lucense de Galegos. A fachada posterior deste centro veciñal linda cun terreo que, dende que se abriu o HULA, se utiliza como aparcadoiro público “polo que se converteu nunha explanada de terra compacta pola que esvaran a auga e a lama e que acaba entrando no centro veciñal”.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide desvelou que o problema cada vez se agrava máis como consecuencia da erosión do terreo e pide ao Concello que “tome as medidas oportunas para que non se deteriore o local social”. O popular indicou como os veciños se viron obrigados a cavar dúas zanxas para evitar innundacións do local.
Un dos cruces máis conflictivos é o da encrucillada da rúa do Fondal coa de Castelo e a principal de Galegos “xa que carece de sinalización”. Ameijide ademáis de reclamar indicadores de dirección e sinais horizontais adecuados tamén solicita bandas reductoras de velocidade no treito que une a rúa de Galegos coa de Fondal e que os veciños reclaman pola alta velocidade coa que pasan os coches por este punto.
Por último, o PP municipal lamenta o estado no que se atopa a pista deportiva que hai neste barrio, na que o mantemento é nulo e a porta de acceso permanece bloqueada pola maleza “polo que os veciños vense obrigados a acceder as pistas por un lateral no que a malla que pecha a finca está rota”.