O grupo Palimoquiños e Cía gaña o primeiro premio do Xuventude Crea 2020 na categoría de teatro

O Grupo Palimoquiños e Cía, de Lugo, foi o gañador do primeiro premio do Xuventude Crea 2020 na categoría Teatro, unha das catorce especialidades do certame.

A Xunta de Galicia afronta a recta decisiva do programa para creadores noveis Xuventude Crea 2020, que na edición deste ano bateu récord de participantes con 486 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30.

O equipo gañador realizou unha adaptación de Os miserables, a novela de Víctor Hugo. O segundo galardón foi para o grupo Lohengrin Teatro, de Vigo, pola súa representación de Coa mirada nas túas mans; e o terceiro para o grupo Farándula Velutina, de Corcubión, por
Animais de Compañía. A categoría Teatro é unha das catorce especialidades do certame xunto con Artes plásticas —Escultura e Pintura—, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Poesía, Videocreación Fotografía, Graffiti, Moda, Música e as dúas novas disciplinas que incorpora este ano o programa: Novela curta e Creación de videoxogos.
Así mesmo, xa están programadas as datas e lugares de celebración do resto das fases finais nas distintas modalidades do Xuventude Crea. Todas elas se dilucidarán ao longo do vindeiro mes de novembro, a falta de que se peche definitivamente cando e onde terá lugar a final da categoría de Creación de videoxogos.

Eventos na igrexa da Universidade
Así, as finais de Fotografía e Artes Plásticas desenvolveranse desde a primeira semana de novembro na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Neste mesmo recinto exporanse, a partir de mediados de novembro e ata o día 8 de decembro, as coleccións das oito mozas e mozos deseñadores finalistas na categoría de Moda —que contou con 24 inscritos—. Estes noveis modistos compartirán espazo e datas cos seis finalistas na especialidade de Deseño de Xoias.
Tamén para o vindeiro mes de novembro están programadas as finais de Graffiti, Música, Danza Moderna e Cociña. A primeira en celebrarse será a final da modalidade de Graffiti no parque da Alameda compostelá o día 7 de novembro, coa participación de dez rapaces e
rapazas. A continuación, o día 13, terá lugar a fase final de Danza Moderna no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e ao día seguinte, 14 de novembro, actuarán na terraza da sede da Sociedade Galega de Autores e Editores (SGAE), en Santiago de Compostela, os tres
grupos e tres solistas finalistas da especialidade de Música —que rexistrou 26 solicitudes—.

Cociña no mercado de abastos
Así mesmo, o 21 de novembro é data fixada para que os seis finalistas na categoría de Cociña —que rexistrou 12 concursantes— amosen o seu bo facer, nun evento que se desenvolverá no mercado de abastos da capital galega.
Por último, o día 28 de novembro terá lugar a fase final de Videocreación no Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña. As especialidades de Banda deseñada, Poesía e novela Curta non teñen fase final.
Cada unha das modalidades de Xuventude Crea contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica.
Todas as fases finais realizaranse baixo as medidas de prevención e seguridade recomendadas por mor da covid-19, e os participantes deberán asinar unha declaración responsable de condición de saúde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com