O Grupo do PP pide un inmoble máis axeitado para o Servizo de Recadación da Deputación

O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno que a Deputación de Lugo adopte, de maneira inmediata e urxente, unha solución para que o persoal do Servizo de Recadación poida desenvolver o seu traballo nun espazo que reúna as condicións de saúde e seguridade laboral axeitadas.

O persoal adscrito a este servizo da Deputación desenvolve as tarefas que lles son encomendadas ao seu posto nunhas dependencias alugadas na rúa Tui, que non reúnen os requisitos legais en materia de saúde e seguridade laboral. Un informe elaborado por Traballo e Seguridade Social indica deficiencias en aspectos tales como falta de mantemento da estancia, unha dimensión do local inadecuada así como problemas nos sistemas eléctrico, térmico e de ventilación.

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, reproba que os socialistas na Deputación leven anos destinando fondos públicos de todos os lucenses a un edificio que non reúne as condicións para albergar o Servizo de Recadación. “Transcorridos un ano e catro meses dende que o actual Goberno socialista asumira de novo responsabilidades de Goberno, os traballadores continúan nas mesmas condicións”, reproba Candia, “pese ás promesas e ás accións anunciadas e que non chegaron a ser unha realidade”.

 O Grupo Popular esixe unha solución inmediata

Dende o Grupo Popular lembran que en setembro de 2015, os socialistas pediron a través dunha moción o mantemento do proxecto definido polo anterior Goberno de Besteiro para resituar o Servizo Provincial de Recadación no Fogar de Santa María. Este proxecto non contaba co orzamento suficiente para acometer as obras que requiría este edificio dando cumprimento á normativa vixente e, ademais, tivo informes desfavorables do Concello de Lugo.

Posteriormente, os socialistas fixeron público un acordo coa Cámara de Comercio para mercar este edificio e albergar nel o Servizo de Recadación, porén “sabemos que finalmente decidiron prorrogar o aluguer na rúa Tui e aprazar o seu traslado a outras dependencias. A realidade é que transcorrido o tempo seguimos sen unha solución sendo moi necesario e urxente que os traballadores da Deputación de Lugo realicen as tarefas que lle corresponden nunhas condicións laborais óptimas”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com