O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno da Deputación, a través dunha moción, un incremento dos fondos asignados no Orzamento do ano 2017 para a mellora do conxunto da rede viaria provincial “ao considerar esta partida insuficiente tendo en conta a extensión de máis de 4.000 quilómetros dos que é titular a administración lucense, así como o estado lamentable de moitas das infraestruturas viarias”.
En concreto, os populares expoñen que a partida que o Goberno lucense destina nas contas do 2017 a atender as necesidades das estradas de titularidade provincial non “chega para darlle resposta tanto ao mantemento das infraestruturas como a novas obras”. Así, na súa iniciativa plenaria dende o Grupo do PP consideran necesario que a dotación que contemplan os orzamentos de 2017, aprobados inicialmente na sesión plenaria extraordinaria celebrada o 14 de marzo deste ano, se debe incrementar a través dos remanentes que se vaian xerando do exercicio anterior e se incorporen ás contas do 2017.
Da contía que a Deputación destina ao Plan de Estradas 3 millóns de euros destínanse a mantemento e unha contía importante está comprometida para o arranxo da estrada que une Navia coa Fonsagrada, polo que só quedaría a metade do orzamento para atender ao resto da rede, de máis de 4000 km.
A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, defende que o mantemento das estradas que vertebran o territorio lucense de titularidade da Deputación “debe de ser un dos acometidos primordiais desta entidade e máis cando moitas destas vías son o principal enlace de comunicación entre os núcleos pobacionais da provincia”.
Asemade o Grupo Provincial do PP esixirá explicacións polo retraso no pago das axudas á Sociedade Protectora de Animais de Lugo, o que está a ocasionar unha falta seria de fondos que permitan comprar alimentos para os animais que albergan estas instalacións.
A voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, anuncia que o seu grupo rexistrará unha pregunta para a súa resposta na próxima sesión plenaria a través da que pedirán explicacións ao Goberno da institución lucense sobre este retraso no pago de axudas de entorno a 40.000 euros. “Deben explicarnos se é certo, tal e como recollen os medios de comunicación, que se está a dar de xeito intencionado un bloqueo na tramitación da subvención”, precisa.
Candia tamén esixirá en sesión plenaria ao Goberno que preside Campos que axilice estes pagos e pedirá que dende a Deputación “amosen maior interese por a Sociedade e dean o seu apoio para a continuidade da actividade deste centro de acollida e coidado de cans e outros animais ante a situación de dificultade que levan tempo atravesando como consecuencia da saturación polo gran número de animais que foron abandonados e agora se atopan nas súas instalacións”.