O home e o can estrearáse en Lugo nos Codex cinema

O vindeiro venres  Codex Cinema, estreará a premiada película ‘O home e o can’, producida por Ézaro Films e dirixida por Ángel de la Cruz. O filme, rodado integramente en galego e en branco e negro, conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas dunha historia que conectará cos espectadores de moitas maneiras, pero especialmente a través da súa volta ás nosas orixes, a esa Galicia rural cada vez máis despoboada, onde a soidade non elixida asolágao ás veces todo, e na que o contraste coa Galicia urbana é cada vez máis acusado.

“O personaxe -Manuel- é un home sinxelo, natural, que ten dificultade de expresión. Para acomodalo, tratei de simplificar a súa linguaxe ao máximo, buscando características físicas que eu identifico”, sinala o actor Manuel Manquiña. Más coñecido polo seu traballo noutro tipo de papeis, Manquiña afirma non obstante que se atopa “cómodo no drama”.

Ao seu lado, no seu primeiro papel en cinema, Paula Chaves abandonou unhas semanas a súa faceta como música para poñerse na pel de Paula, unha nova perdida, envolvida nunha procura que parece inalcanzable, que será clave para Manuel, do mesmo xeito que el o será para ela. “Non podemos estar máis satisfeitos coa traxectoria do proxecto porque antes de estrearse en salas xa se fixo con trece galardoes.” -afirma o director, Ángel de la Cruz. De la Cruz levaba moito tempo imaxinando esta historia, que bebe directamente das fontes do neorrealismo.

“Quería facer unha homenaxe ao neorrealismo, volver mostrar realidade, sen adornos”. E, nese camiño cara á simplificación, cara ao cinema máis puro, o actor Manuel Manquiña estivo sempre na mente do director para interpretar a Manuel, o protagonista desta historia. “Desde o primeiro momento, o personaxe de Manuel era Manquiña: non houbo máis opcións nin propostas, el é Manuel. Veremos a un Manquiña nun rexistro completamente diferente ao que nos ten afeitos”, asegura Ángel de la Cruz. A BSO da película, foi composta e interpretada polo pianista e compositor musical ourensán Jaime Fernández Garrido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com