A nova unidade de Medicina Nuclear do Hospital Lucus Augusti botará a andar mañá mércores, tal e como anunciaba esta mañá o xerente do Sergas en Lugo, Ramón Ares. Os primeiros en recibir tratamento serán seis persoas con diferentes patoloxías aínda que a dirección do hospital agarda que estea “a pleno rendemento” nun par de meses.
Esta infraestrutura é unha obra moi reclamada pola cidadanía, xa que máis dun milleiro de pacientes teñen que desprazarse a diario da provincia de Lugo á da Coruña para recibir tratamento oncolóxico.
Este anuncio foi cualificado polo PSOE da provincia como un “anuncio electoralista”, ao realizarse en vésperas da campaña electoral das eleccións autonómicas. “É humillante o uso partidista que fai o Partido Popular das administracións a un mes das eleccións e cun tema tan delicado como é a saúde dos lucenses”, subliñou esta mañá o voceiro municipal, Miguel Fernández.
“Unha vez máis queda demostrado que para o Goberno de Feijóo Lugo soamente existe en campaña electoral”, asegurou Fernández, quen lamentou que o PP “utilice a saúde como un instrumento político, condenándonos durante anos a unha asistencia sanitaria limitada e xogando coa vida dos lugueses, e facendo coincidir agora as datas electorais coas datas sanitarias”.
Ago 24, 2016 - 07:11 AM
um mes antes das eleccións…….. que mal cheira!