O mestre do humor intelixente, Antonio Fraguas, Forges, participará en espírito no I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca que terá lugar en Lugo entre os días 6 e 12 de abril. Malia que por motivos persoais non pode desprazarse á cidade da muralla, Forges non quixo perderse a cita, e daquela asistirá virtualmente ao evento.
Será, en concreto, o martes día 7, data prevista para a entrega do I Premio Post Mortem do Festival da Retranca.
Concedido a unha personaxe da máxima relevancia para Lugo, obviamente xa falecida, o nome do afortunado ou afortunada non será feito público ata o propio martes, ás nove e media da noite, momento en que Forges, a través de videoconferencia, lle entregará o galardón no Museo Interactivo da Historia de Lugo, epicentro do foro.
A presenza virtual de Forges súmase á de outros moitos persoeiros coñecidos, dende escritores, artistas e humoristas ata monicrequeiros, músicos e actores, que si participarán en vivo.
O Festival da Retranca poboará Lugo durante unha semana de actividades multiculturais cun denominador común, poñer en valor ese “xeito de defensa léxica” que, ao dicir do propio Antonio Fraguas, supón a retranca. Esa mestura de ironía, sentido duplo, sarcasmo e surrealismo, co que enfrontan decote a vida os galegos, disque a medio camiño entre a flegma británica e mais a socarronería española.