O III Congreso de Cultura Dixital e redes Sociais #INLUGO comeza mañá no Salón de Actos de San Marcos con cheo asegurado. Ao igual que en todas as edicións celebradas ata o momento, os lucenses esgotaron en pouco tempo a totalidade das 200 entradas dispoñibles.
A estes 200 haberá que sumar aqueles que, malia non poder seguir en vivo o desenvolvemento do evento, poderán facelo de xeito gratuíto e en directo a través da rede, grazas á emisión en streaming facilitada pola Fundación TIC, dispoñible en www.deputacionlugo.gal. Ademais, as redes sociais estarán dando conta de todo o que aconteza os dous días a través das contas oficiais do Congreso co hashtag #inlugo15.
O congreso dará comezo mañá ás 16:00 horas, coa apertura de portas do recinto e a recollida das acreditacións de acceso. Tras a benvida institucional, as actividades arrincarán coa conferencia inaugural, que este ano estará a cargo do prestixioso xornalista Ignacio Escolar (@iescolar), director de eldiario.es, a partires das 17:00 horas.
A xornada do venres continuará coas intervencións de Juan Andrés Milleiro (@juanmilleiro), de NH Hotaal Group; Nuria Padrós (@nunupadros), de Ogilvy PR Barcelona e Diana Morales (@srta_diana), de Movistar España. Tras unha pequena pausa, o Congreso continuará da man de Pablo Butragueño (@pablofb), do bufete Abanlex, e Alenjandro Touriño (@Alextourino), do bufete Écija, avogados especializados en Dereito Técnolóxico e redes sociais.
Máis información en www.deputacionlugo.gal e www.inlugo.com