O ‘Impulso Verde’ do Concello de Lugo será o primeiro edificio en España en lograr a certificación FSC de sustentabilidade

O novo edificio Impulso Verde que o Goberno local está a executar no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico será o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en  encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

Así o anunciou a alcaldesa, quen supervisou este venres, acompañada do edil de Urbanismo, Miguel Couto, o avance das obras de montaxe do edificio, semente do novo barrio multiecolóxico da Garaballa. Neste senso, Lara Méndez apuntou que “a certificación que vimos de acadar garante que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa de loita contra o cambio climático”.

A rexedora engadiu que “este recoñecemento supón un novo pulo ao proxecto co que Lugo se sitúa á vangarda no urbanismo sostible e o deseño das cidades verdes do futuro. É un privilexio contar na nosa cidade coa primeira edificación que acada este certificado no país, o que nos anima a seguir traballando nesta liña para acadar novos obxectivos e, sobre todo, para acadar un Lugo máis moderno, sostible e resiliente”.

Toda a estrutura da pioneira construción “de quilómetro cer”, que está feita en madeira certificada 100% procedente da Mariña Lucense, foi tratada en plantas de Alfoz e Trabada e integrada en estruturas de paneis contralaminados CLT de alta calidade técnica que estes días instala a empresa adxudicataria do proxecto.

Estas obras avanzan a moi bo ritmo: xa se levou a cabo a montaxe da estrutura da planta baixa e as tres plantas superiores, e actualmente estanse rematando paredes e tubos de ventilación, traballos previos á colocación da escaleira que se iniciará nos vindeiros días. A continuación procederase a instalar o armazón norte e finalmente a cuberta gridshell.

Unha vez finalizada a montaxe da estrutura, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra de Galicia, así como a división interior, tabiquería, carpitenrías interiores, e por último, a dotación de mobiliario.

O Impulso Verde, un novo referente internacional

Grazas ao distintivo que ven de obter, o edificio Impulso Verde converterase nun novo referente internacional no ámbito da construción sostible. Outros famosos proxectos certificados FSC no mundo son o Canary Wharf Crossrail  Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn.

Así mesmo, o inmoble tamén acadará a certificación ambiental Verde ou Selo Verde. Esta é unha certificación que se realiza sobre rehabilitacións ou novas edificacións, como é o caso, e que avalía se o edificio cumpre con determinados estándares de calidade para construcións sostibles. Verde (Valoración de Eficiencia de Referencia de Edificios) foi creado por GBCe (Global Building Consortium España ou Consello para a Edificación Sostible de España) unha asociación que pertence á World Green Building  Council (WorldGBC), a principal organización de edificación sostible en España.

O edificio Impulso Verde, presentará un balance enerxético case nulo, pois emitirá un 90% menos de CO2 á atmosfera. Ademais, a súa maior eficiencia e illamento supoñerá un aforro enerxético dun 74% con respecto aos vellos edificios de oficinas e dun 54% respecto a os de nova construción.

Paralelamente, a aposta pola madeira galega fomenta a bioeconomía circular e un desenvolvemento económico local máis sostible que incide positivamente no medio rural. A construción con madeira utiliza fontes naturais, reduce as emisións, mellora a eficiencia enerxética dos edificios e mitiga a súa pegada ecolóxica ao comportarse como  reservorios de carbono. Con todo, o uso de materiais de orixe forestal implica unha maior responsabilidade para garantir que as zonas das que proceden estes produtos se coiden adecuadamente. A certificación FSC garante que esa madeira provén sempre e en exclusiva de fontes ben xestionadas.

Este edificio estase a executar no marco do proxecto europeo LIFE Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo, no que participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. Ademais, o proxecto está cofinanciado polo instrumento LIFE da Unión Europea e pola Deputación de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com