O patrón da Fundación TIC, Álvaro Santos, presentou este mércores a programación do 2º trimestre de actividades desenvolvidas no Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a TIC a través dunha encomenda da Deputación. Inclúe 27 cursos e obradoiros, tres deles na provincia, e un total de 311 prazas gratuítas destinadas a todos os lucenses de máis de 55 anos.
Santos afirmou que as actividades previstas de abril a xuño de 2016 “atenden as demandas dos propios usuarios co obxectivo de achegar aos nosos maiores as vantaxes das novas tecnoloxías, desde o manexo básico do ordenador, smartphone ou tablet, ata o uso das videoconsolas Wii e Xbox para estimular as capacidades cognitivas e funcionais, pasando por aprender a navegar por Internet e empregar App tan populares como Whatsapp, que lles permiten estar en contacto con amigos e familiares”.
O prazo para inscribirse ábrese este mesmo mércores, 30 de marzo, ás 12:00 horas, e pode facerse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186. A programación arrancará o 5 de abril co curso “Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador”, que durará tres días.
Ademais dos cursos e obradoiros, o InLugo conta con outros servizos. Un deles é a Aula de Transmisión do Coñecemento, unha aula interactiva con material informático e conexión a Internet a disposición de todas aquelas persoas maiores que o desexen. Emprégase tamén para realizar actividades de reforzo dos coñecementos adquiridos polos usuarios nas diferentes actividades realizadas polo centro.
O InLugo tamén ofrece titorías personalizadas aos lucenses que precisen axuda con respecto ás novas tecnoloxías. Neste caso os interesados poden achegarse ao centro para tentar resolver as súas dúbidas tecnolóxicas puntuais de xeito individualizado.