O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación creará este ano en Lugo o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, coincidindo coa celebración durante 2020 do Ano Internacional da Sanidade Vexetal. Esta decisión, declarou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, “enmárcase na crecente ameaza que supoñen para as nosas producións agrícolas o incremento dos intercambios comerciais con terceiros países, os riscos potenciais e a necesidade do control dos mesmos”, así como “o propio cambio climático, coa aparición de novas pragas e patoloxías nocivas que se suman ás xa existentes”.
A creación deste organismo é parte da política de descentralización institucional do novo Goberno. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como organismo responsable de designar os laboratorios de referencia a nivel nacional, vén de decidir crear un Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal dentro da súa propia estrutura administrativa, co obxectivo de converterse no Laboratorio Español de Referencia en Sanidade Vexetal e cuxas funcións pasarán por harmonizar métodos e técnicas a utilizar polos laboratorios de sanidade vexetal das comunidades autónomas así como participar en programas de prospección de pragas, emitir informes previos á declaración dunha praga de corentena aparecida por primeira vez en territorio nacional ou realizar actividades relacionadas co cumprimento dos programas de aplicación de boas prácticas de laboratorio (dentro das súas competencias).
Asemade, o organismo que se creará na cidade amurallada deberá participar nos programas coordinados e efectuar as análises ou ensaios que lle sexan solicitados; ademáis doutras funcións asociadas ao ámbito do Regulamento 2017/625, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo aos controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, e das normas sobre saúde e benestar dos animais, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.