O ‘Lecer Cultural’ de Vilalba: Obradoiros, lectura e música para todas as idades

O Concello de Vilalba presenta a súa programación de verán nomeada Lecer Cultural, con actividades adaptadas ao contexto sanitario actual e dirixidas a todos os públicos, especialmente á infancia do municipio. O programa divídese en tres bloques: obradoiros, lectura e música.

Os talleres levaranse a cabo ao longo de todo o verán e incluiranse actividades de teatro, manualidades, fotografía, monicreques de cartón… Os obradoiros serán extensivos (todo o verán), intensivos de tres días ou puntuais, cunha duración dun único día. O material necesario para a actividade está xa incluído, agás no caso do de fotografía, para o que cómpre levar unha cámara dixital, un móbil, unha tablet ou un dispositivo semellante.

Estes obradoiros diríxense a menores de entre 5 e 12 anos, en función da actividade (en teatro será a partir dos 8 anos, sen límite de idade), e o seu prezo oscila entre os 2 e os 6 euros. No cartaz, detállanse os horarios e espazos das actividades.

No marco do programa Ler conta moito, a rapazada poderá gozar de actividades de balde e ata completar aforo, enfocadas á lectura este verán grazas á Biblioteca Municipal. O vindeiro venres 2 de xullo, o espectáculo de narración oral “Outra Vez!” representarase ás 17:30 na Praza da Constitución, da man da mestra e contadora Vero Rilo.

O día 17 de xullo, Rockeamos todas con Pakolas representarase ás 18:00h na Praza da Constitución. Un espectáculo familiar con protagonistas femininas, recomendado para cativos e cativas entre 3 e 10 anos, no que se dan a coñecer diferentes historias de superación da desigualdade, de loita polo respecto e a liberdade.

Por último, o 30 de xullo, Barquiño de Pau estará ás 17:30h na área recreativa da Madalena. Consiste nun teatro de obxectos e música dirixido á infancia entre 0 e 3 anos. Doutra banda, os seráns musicais encherán as rúas de Vilalba de ritmo, con seis actuacións dos grupos locais Buxos Verdes, Lusco Fusco, Charanga de Vilalba, Banda de Gaitas Mato Vizoso, AC Andrade, e Axóuxere de Roupar polo programa da Deputación Musiqueando, os venres a partir das 21:00h en xullo e agosto. O día 25 de xullo, Día de Galicia, haberá un concerto da Banda de Música de Vilalba.

Ademais, a xornada do 10 de xullo dedicarase ás actividades fluviais propostas pola Deputación de Lugo.

“A infancia de Vilalba poderá gozar dunha programación divertida este verán pero sen esquecer o lado didáctico, con actividades que mesturan o lecer coa aprendizaxe”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com