Tarde de fútbol no Anxo Carro, onde os de Durán saltaban ao campo coa premisa de lograr os tres puntos, fronte a un Bilbao Athletic que chegaba a Lugo sen presión clasificatoria e con todos os seus efectivos dipoñibles.
Unha primeira metade moi equilibrada onde o Athletic Bilbao xeraba problemas en ataque, con dúas grandes intervencións a remates de Vesga e Aketxe que lograban manter a meta blindada á espera dun primeiro tanto para os locais, que non tardou en chegar, nunha xogada por banda dereita de Iriome, centro medio á entrada de Pablo Caballero que non perdoa e coloca aos de Durán por diante no marcador.
A partir de aquí, os de Durán foron facendose co xogo, con dous bos disparos de Campillo e unha boa chegada de Caballero e Pereira, que a punto estiveron de cristalizar en tanto, o que obrigaba ao Bilbao Athletic a adiantar posicións e defender preto da área. Minutos antes do descanso, unha boa oportunidade para Carlos Pita, nunha gran xogada individual, que a piques estivo de marcar o segundo, pero nesta ocasión o gardamenta, Jon Ander adivinaba o remate e salvaba o tanto.
A segunda parte comezaba co Bilbao Atlhetic máis activo, buscando o gol da igualada e na que gozou de varias oportunidades para empatar, pero nin Guarrotxena nin Olaetxea puideron conseguir o ansiado gol do empate, ante un Roberto eficaz, que resolvía con solvencia as ocasións xeradas polos visitantes.
O Lugo continuaba rondando o segundo da tarde, que chegaba cando David Ferreiro, filtraba un balón á carreira de Iriome que era derribado na área, o que provocaba un claro penalti. Era Joselu que executaba a pena máxima e pechaba o encontro cun claro 2-0.
Tres novos puntos para os de Durán, que recuperan a dinámica positiva na casa, e que se enfrontan este vindeiro mércores en Soria ante o CD Numancia.