O Lugo perde diante da Ponferradina por 2 a 1

O CD Lugo chegaba á cidade berciana co obxectivo claro de manter abertas as súas aspiracións de acadar os postos nobres da táboa, nun dos partidos máis complicados que restan do calendario albivermello, pero non foi capaz de conseguilo.

En fronte, unha SD Ponferradina necesitada de puntos inmediatos, que permitan aos de Rubén Veiga escalar cara ao obxectivo da salvación neste tramo final de liga.

Os Primeiros minutos foron de  empuxe local, coa misión clara de asestar o primeiro golpe do partido. Presión moi alta da SD Ponferradina, e acumulación de homes en zonas de remate para tratar de optimizar as chegadas veloces e intensas que o cadro berciano exhibía nos primeiros compases de partido.

Acorán e Aguza como ameazas en últimos metros, e primeira intervención de Roberto ante un remate claro de Djordjevic. A Ponferradina, consciente da importancia dos puntos en xogo, seguiu intensificando a presión e intensidade, logrando nos últimos minutos da primeira metade, tras rozar o gol nun envío a Berrocal, que Dealbert salvaba baixo paus.

Internada de Basha por carril central, disparo potente do albanés ante a saída de Roberto, e balón que se coaba tras tocar nun defensor.

A segunda parte ía comezar con problemas para o CD Lugo. Tras un inicio intenso, e que mantiña as liñas mestras do visto na primeira metade, os de Durán ían encaixar un novo tanto cando só habían transcorrido cinco minutos. Penalti a xuízo do colexiado de Lemos sobre Aguza nunha disputa por balón longo, e pena máxima que o propio Aguza convertía en gol.

Durán decidía mover o banquiño  tras encaixar, e daba entrada a un novo esquema no equipo con un triplo cambio para reconstruír o bloque de maneira total. Joselu, Manu e Iriome deixaban o seu sitio a Cabaleiro, Sergio Marcos e Pereira. Con iso, o equipo pasaba a formar con tres homes atrás, con Seoane como eixe, e dous homes en punta, ben secundados por unha forte liña de medios que ocupaban con amplitude o campo. Aposta total por un empate perseguido con todo. A manobra fornecía efecto, e cun equipo máis envorcado sobre área rival, e concentrando efectivos en segunda liña de remate, o perigo comezaba a axexar a área de Santamaría. Sería David Ferreiro quen, de soberbio dereitazo, acurtaba distancias no marcador cando o conxunto lucense máis apertaba ao seu rival. Os últimos minutos, de infarto para unha animada grada lucense, traerían dúas grandes ocasións para o CD Lugo, en botas de Cabaleiro. Unha de cabeza, e outra de forte remate, que saían fóra por moi pouco, pero o marcador xa non se movería.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com