O luns comezan as obras de mellora do pavimento na Ronda

O Concello de Lugo iniciará o vindeiro luns, 28 de marzo, as obras  de reparación das canalizacións e asfaltado da Ronda da Muralla, no tramo comprendido entre a rúa San Roque e a Praza Bispo Odoario. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen deu a coñecer que debido á localización e á superficie de dita obra, as actuacións de mellora realizaranse en varias fases para poder garantir a mobilidade, tanto de vehículos como de peóns. Deste xeito, estableceranse 3 tramos, o primeiro entre a Rúa San Roque e a metade da Praza Asturias, o segundo entre a outra metade da Praza Asturias e a Avenida da Coruña e un terceiro entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario.

Tal e como deu a coñecer o edil, trátase dunhas obras que contan cun orzamento total de 208.000 euros e cun prazo de execución de dous meses. Ao longo das actuacións, garantirase ao menos un carril de circulación libre para vehículos na Ronda da Muralla, se ben poderanse realizar cortes puntuais por un período de tempo reducido. Fernández subliñou que “estamos a falar dunhas actuacións importantes para Lugo e para mellorar as infraestruturas públicas, o que redundará nun incremento da seguridade e na mellora da propia imaxe da cidade”.

Vías alternativas en 7 puntos da cidade

As obras estarán sinalizadas en todo momento con carteis informativos, que ofrecerán aos conductores vías alternativas en 7 puntos diferentes da cidade: na Praza Fonte do Rei -en sentido entrada á cidade-, na rúa Vilalba co Carril dos Loureiros, no inicio da rúa Pintor Corredoira coa Avenida República Arxentina, na glorieta situada entre a Avenida Carlos Azcárraga e a rúa Serra de Meira, na glorieta situada entre a Avenida Duquesa de Lugo, rúa Monforte e rúa Alta, -en sentido entrada da cidade-, na Avenida da Coruña coa rúa Mallorca e na rotonda da Avenida das Américas coa rúa Carlos V  Pimentel, en sentido entrada da cidade.

Seguridade vial e sinalización

En materia de seguridade vial e sinalización circunstancial, as obras de reparación quedarán sempre delimitadas mediante un valo, habilitando pasos a garaxes, podéndose retirar todo aquel mobiliario urbano que afecte á execución da obra. A zona de acopio de material e casetas de obras estarán instaladas na zona de carga e descarga situada na Praza de San Fernando. Ademais, mentres teñan lugar as obras, Urbaser subirá os colectores ás beirarrúas, garantindo un paso mínimo dun metro de ancho. De non ser así, reubicaranse.

Terá prioridade o paso ao tráfico de vehículos pola Ronda da Muralla nos diferentes cruces semafóricos, suprimiranse as zonas de estacionamento no tramo da obras e disporase de operarios sinalistas para regular e garantir a seguridade do tráfico rodado e dos peóns en todo momento.

Por outra banda, na sesión deste mércores da Xunta de Goberno prorrogouse polo prazo dun máximo de 12 meses a concesión de subvencións para alugamento de vivendas en Lugo-Exercicio Económico 2014, por 139.592,52 euros. Tal e como deu a coñecer Fernández, hai un total de 84 beneficiarios, que reciben unha subvención de entre 600 e 2.100 euros en relación á súa renda.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com