A meteoroloxía non foi quen de escurecer, esta tarde de sábado de Entroido. Os actos programados polo concello, e ducias de nenos e nenas, que participaron xunto con seus país, no Gran Concurso de Disfraces Infantil vestiron de luz, alegría e cor unha chuviosa e fría tarde de inverno na Praza Maior. A orixinalidade e a creatividade foron a tónica dos disfraces cos que os máis pequenos da casa desfilaron baixo unha carpa instalada fronte ao consistorio, uns con máis e outros con menos timidez, pero todos con ilusión e ganas de pasalo ben.
O xurado estivo formado este ano por Mercedes Barreiro, presidenta da Asociación Pepe Barreiro; Paloma Lugilde, de Palimoco Teatro; e María del Carmen Fernández Rodríguez, da Escola de Arte Ramón Falcón.
Os premiados foron:
Categoría Individual
– 1º Premio: Slenderman. Lote de libros por 50€.
– 2º Premio: E para comer… Lugo. Lote de libros por 40€.
– Premio disfrace reciclado: A Raíña de papel. Lote de libros por 50€.
Categoría Parellas
– 1º Premio: Tractorada na Muralla. Lote de libros por 75€.
– 2º Premio: Xigantes e Cabezudos. Lote de libros por 60€.
– Premio disfrace reciclado: Bolboretas. Lote de libros por 75€.
Os terceiros nestas dúas categorías quedaron desertos por ausencia de participantes.
Categoría Comparsas
– 1º Premio: As Aventuras de Astérix e Obélix. Lote de libros por 150€.
– 2º Premio: Cleopatra entra en Roma. Lote de libros por 120€.
– 3º Premio: Érase unha vez. Lote de libros por 100€
– Premio disfrace reciclado. Un Mundo de contos de Albeiros. Lote de Libros por 150€.
Tras o desfile, animado pola charanga Arde Yu Ku, os carnavais continúan na cidade a partir das 20:00 horas coa actuación do grupo Paradela na Ronda das Fontiñas e coa representación de O Baile dos Vampiros a cargo de Achádego Teatro na Praza do Campo, no marco do ciclo Teatro Escénico. A charanga A Excusa animará o barrio de Recatelo e a praza do Campo a partir das 20:30h, e Arde Yu Ku estará en Campo Castelo, San Pedro e Mártires de Carral.
A programación de mañá comezará cunha degustación de filloas na Praza da Soidade. A xornada contempla diversas actuacións musicais, así como un baile de entroido no Mercado Municipal de Abastos ás 18:30 horas. O luns, os máis cativos poderán gozar cunha ludoteca de xogos xigantes a partir das 18:30 horas no Mercado Municipal.
Para o martes de Entroido, o Concello ten preparadas actuacións musicais e o gran concurso de disfraces de adultos, que repartirá 6.000 euros en premios.
O Velorio e o posterior enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes poñerán o broche de ouro aos carnavais.