Eu son moito de celebrar os cumpreanos, sexan propios ou alleos, personais ou colectivos e, naturalmente, das institucións que teñen relación conmigo, e alédome de xeito especial cos cumpreanos institucionais relativos a entidades que tiveron e teñen importancia para as colectividades do noso contorno.
Por iso me compraceu saber que o colexio Mato Vizoso de Vilalba celebrou os seus primeiros cincuenta anos días pasados, lembrando o seu nacemento naquel lonxano e agora mítico 1968.
Vou máis ao Insua Bermúdez por ser xurado do Certame do Benxamín Paz que premia debuxos e poemas de alumnos dos colexios de Vilalba e contorna, pero nos dous colexios teño amigos, e en conxunto lembran a revolución educativa que Vilalba viviu a finais dos sesenta –cando eu xa non estaba vivindo alí- partindo das vellas escolas graduadas do alto do Campo da Feira, para pasar a ter unha cidade cultural á que se lle deu o nome de Manuel Fraga, porque cabe supoñer que moito tivo que ver para que se producise aquela evolución tan necesaria e radical.
Evolución que se completaría de forma extraordinaria coa creación do Instituto Basanta Silva, que continuaba –e chegaría a condenala á desaparición- á histórica Academia Santa María, na que moitos vilalbeses atopamos un ensino indispensable para o noso futuro, subordinado aos centros educativos da capital da provincia. E tamén coa concentración en Vilalba dos alumnos de escolas rurais, agás os dos novos colexios de Belesar e de Román, que completaban o panorama educativo dunha vila que saía da pobreza cultural para integrarse na nova sociedade que nacía.
No Mato Vizoso, que leva o nome dun ilustrado vilalbés que merece memoria duradeira, celebrouse o primeiro cincuentenario, con diversos actos, entreles a erección dun monolito de granito, tallado polo vilalbés Marcos Ladra, neto do Galán da Porta de Cima, que lembra que se celebrou de xeito entusiasta que o colexio cumpriu cincuenta anos de mocidade educativa.
O alcalde Agustín Baamonde, o director do centro Manuel Castro Santamariña, e a inspectora de educación Genoveva Ferreiro, descubriron o monolito que nos recorda que o Mato Vizoso de Vilalba celebrou as súas vodas de ouro cos vilalbeses e a educación. Por moitos anos, Colexio Mato Vizoso de Vilalba!.