O cineasta de Meira Eloy Enciso ( Arraianos), obtivo con Longa noite (2019) o Boccalino D’Oro ao Mellor Director outorgado pola Asociación da Crítica de Cinema Independente, na 72 edición do Festival de Locarno.
Este prestixioso galardón foi concedido, na súa modalidade de homenaxe a toda unha carreira, a cineastas como Nikita Mihalkov ou Peter Greenaway, entre outros, e ten un importante peso específico no sector cinematográfico internacional.
A Crítica de Cinema Independente outorgou o galardón a Longa noite, producida por Filmika Galaika, por ser un filme indispensable, que afonda nos pregues da memoria e da historia co fin de sacar á luz, nunha longa viaxe a través da noite, os perpetuos mecanismos da opresión e a dominación.
Despois de obter este relevante recoñecemento nun dos festivais máis lonxevos de Europa, Longa noite participará na 44 edición do Festival de Toronto, dentro da Sección Wavenlenghts -na que tamén se proxectará a citada longametraxe de Jessica Sarah Rinland- e na 57 edición do Festival de Nova York, dentro da sección Projections.
Esta proxección no certame cuxa sede principal é o Lincoln Center, supoñerá o seu première en EE. UU.
Sinopse:
Anos despois de terminada a Guerra Civil, Anxo regresa ao seu pobo no interior de Galicia. A través das conversacións que mantén durante a viaxe, descobre como a guerra e o novo réxime transformaron as relacións entre as persoas. A súa chegada, Anxo é recibido con desconfianza polos vencedores, pero tamén polos vencidos, que senten con Anxo a necesidade de comezar a viaxe cara ao seu pasado e os seus propios recordos silenciados.
Na súa nova película, Eloy Enciso continúa a súa exploración do cinema a través de fontes non literarias e o traballo con actores non profesionais. Extractos de obras de teatro, memorias e cartas de presos en cárceres franquistas, serven de inspiración para Longa noite, un filme que explora os fundamentos sociais e políticos do fascismo.
Segundo palabras do director, Longa noite é un filme coral onde un conxunto de personaxes e voces conformarán unha imaxe da Galicia daqueles anos. A través dese conxunto de conversacións e situacións cotiás, quedan reflectidos os mecanismos de poder ocultos nas sociedades totalitarias. Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Celsa Araújo, Verónica Quintela, Manuel Pumares e Suso Mellán son algúns dos actores que dan vida a eses singulares personaxes. Inspirada en textos de Max Aub, Luís Seoane e Ramón de Valenzuela, entre outros, e rodada en diversos lugares das provincias de Lugo e Pontevedra.