A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo xunto co Tenente Alcalde e o concelleiro de Educación visitaron onte o Mercado Municipal, onde se están a realizar actividades infantís “para que as nenas e nenos se divirtan mentres os pais e as nais realizan as súas compras na Praza e no Mercado”, explicou a concelleira.
A edil de Participación afirmou que “de cara ao 2022 continuaremos a realizar actividades para animar a toda a veciñanza a realizar as súas compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal”, e engadiu “iniciativas como O noso mercado é un agasallo facilitaron este ano que moitos veciños de Lugo se achegasen a realizar as súas compras nestas instalacións históricas”.
A edil explicou as partidas orzamentarias para a Praza e o Mercado aprobadas nos orzamentos de 2022. En total, destinaranse 100.000€ para realizar distintas melloras, entre as que se contan a renovación da climatización tanto da praza como do Mercado, “unha demanda que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando”, explicou a concelleira, que engadiu “seguiremos a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova”.