Permítaseme a lembranza agarimosa de Enrique Guitar Costa (Enrique de Pambre), que hai uns días nos deixou, mozo infatigable malia os seus noventa e cinco anos.
Tiña unha especial sensibilidade para facer e conservar amigos. Coñecino no momento en que se creou o Teleclub de Pambre, hai máis de corenta anos, cando o fervoroso Enrique se fixo responsable do centro, como se encargou moitos anos despois de transformalo na Asociación de Veciños de Pambre.
Fun seguindo canto Enrique soñaba e traballaba… como foi aquel traballo colectivo do camiño pola veira do río para poder chegar a Pambre e ao Castelo. E a construción do local do Teleclub, e as misas que no teleclub se celebraban porque non había igrexa parroquial a disposición dos fregueses, e a defensa que Enrique sempre facía do carácter público da igrexa románica do interior do circundo do Castelo e anterior a este monumento.
Enrique era un loitador nato, que levaba Pambre no corazón, que lle doía o abandono do Castelo, que chegaba sempre con Pambre nos beizos, apoiándose nos seus amigos –cos que era extremadamente xeneroso sempre- para facer oir máis alta a súa voz, porque era un namorado da súa terra, defensor das súas xentes: Era a persoa que toda parroquia necesita para vivir progresando.
Cunha vitalidade desbordante, viña a Lugo, pero ao non querer conducir pola cidade, ía no seu coche desde Pambre ata Melide, alí collía o coche de línea e chegaba a verme como se fósemos da familia. Certamente, Enrique de Pambre era da miña familia, como a min me fixo sentir parte da súa; amigo sen límites.
Cando en maio o felicitei polo seu cumpre anos número 95, prometinlle: Enrique, dentro de cinco anos imos facer unha festa rachada… botouse a rir, e respondeume: Quen sabe quen chegará aló!… e eu asegureille que se estaba como unha rosa aos noventa e cinco anos, cinco máis non serían problema. Pero non puido ser. E o común amigo Penoucos –Para Enrique, coma un irmán-
deume a incrible noticia do seu pasamento.
A pesar de que me superaba en idade, sempre me dicía: Ti eres un pai para min; ti eres “mi padre”. E na miña casa, medio en serio, medio en broma, a miña muller e os meus dous fillos xa están afeitos a escoitarme falar do meu terceiro fillo, Enrique de Pambre.
Despedimos a quen para min –e para moitísima xente- era moito máis ca un amigo. Descanse en paz este patriarca que pasou pola vida repartindo amizade, defendendo a súa terra e as súas xentes, sempre sorrinte, sempre coa man aberta, sementando paz.
Xulio Xiz.