O día 18 de febreiro celébrase o Día Internacional do Síndrome de Asperger, trastorno que se integra dentro dos TEA (Trastornos do Espectro Autista). Para facer visible e xerar dinámicas inclusivas sobre esta enfermidade, Codex Cinema e a Asociación CAPACES organizan ese día unha sesión especial de O meu veciño Totoro, o clásico absoluto de Hayao Miyazaki que triunfou nestas salas durante o mes de xaneiro. Esta proxección suporá a última oportunidade de ver o filme en Codex, acontecemento que aproveitarán para concienciar e informar a todos os lucenses que
se acheguen sobre os problemas que xera este trastorno descoñecido, pero tamén as formas de facer a vida diaria máis sinxela a todas as persoas que teñen este síndrome.
O meu veciño Totoro xa é un filme sobre a inclusión, as diferentes formas de ver o mundo e a bondade e a necesidade de aceptar as visións dos demais. Un filme tan amable como certeiro na súa análise da mente infantil, no que tanto os máis pequenos como os adultos poden recoñecerse facilmente. Aceptar aos demais para vivir mellor en sociedade é a gran mensaxe deste filme e de toda a obra de Miyazaki, polo que parece moi adecuado para facer visible a loita de CAPACES e ser consecuentes con todos os espectadores de Codex Cinema.
Para conmemorar o último pase deste filme excepcional e animar a todos os nenos e adultos a que se acheguen aos cinemas a coñecer o traballo desta asociación, a sesión terá un prezo especial de 4,5 euros. As condicións da sala adaptaranse para os afectados dos trastornos de espectro autista e o resto dos espectadores poderá comprobar como isto non é unha limitación para desfrutar deste filme. Esta proxección de O meu veciño Totoro será o principio da colaboración de Codex Cinema con CAPACES.
Asemade, no compromiso da empresa coa visibilidade dos TEA, ofrecerá todos os meses unha sesión adaptada no horario regular dos cinemas.
Este pase especial súmase ao xa anunciado de Tódalas mulleres que coñezo, o filme lucense que se presentou con grande éxito na Semana de Cine de Lugo. A proxección do día 17 contará coa presenza do reparto desta obra dirixida por Xiana do Teixeiro.
Ademais, este mesmo venres haberá nos Codex dúas novas estreas: High Life de Claire Denis e Cambio de raíñas de Marc Dugain. Claire Denis é unha das grandes cineastas francesas dos últimos vinte anos. Trala visión desencantada da sexualidade dunha muller madura en crise que foi Un sol interior, agora chega High Life, unha fascinante odisea de ciencia ficción que renuncia á espectacularidade máis superficial para filmar os conflitos máis profundos dunha sociedade futura, na liña de Solaris de Andrei Tarkovsky. O filme conta coas actuacións de Juliette Binoche e un sorprendente Robert Pattinson.
Pola súa banda, Cambio de raíñas é un filme de cámara sobre as peripecias da corte de Felipe de Orleáns e as súas políticas matrimoniais para casar as súas fillas cos reis de Francia e España, e así acabar coas disputas destes dous países. Así, o drama lévanos á Europa do século XVIII con gran atención ao detalle e sen esquecer o humor e a representación da vida diletante das cortes europeas desa época, O filme está dirixido por Marc Dugain, famoso novelista galo, especialista en biografía histórica, mais que tamén ten unha recoñecida carreira como cineasta. No reparto encontramos a veteranos intérpretes franceses como Lambert Wilson (presente en Codex Cinema en A clase de piano) facendo de Felipe V e Olivier Gourmet (habitual dos irmáns Dardenne) na pel de Felipe de Orleáns.