O Ministerio de Transportes afrontará a remodelación do firme da N-540 tras a Semana Santa

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible afrontará a rehabilitación do firme da N-540 ao paso pola provincia tras a Semana Santa.

A partires destas datas festivas, a actuación entrará nunha nova fase na que se impulsará a renovación de todo o firme, tal e como está indicado no contrato, para mellorar a seguridade viaria neste tramo.
O Goberno inviste preto de 11 millóns de euros na renovación integral do viario entre os km 0,000 e 68,900, na provincia de Lugo. Esta obra inclúe a rehabilitación estrutural e superficial do firme e aquelas actividades complementarias que sexan necesarias para manter os niveis de servizo.

No que respecta ao firme, a obra consistirá principalmente nun fresado de parte do firme existente, seguido dun recrecido en varias capas entre as que se dispoñerán elementos adicionais de adherencia.

Nas zonas singulares, que son as máis deterioradas, realizarase primeiramente unha demolición do paquete de firmes completo, seguida dunha escavación dun metro de profundidade para, finalmente, repoñer as capas de firme. Así mesmo, será necesaria a regularización dos arcéns, especialmente para garantir a seguridade dos ciclistas e motoristas.

Tras isto, procederase ao repintado de marcas viarias e á disposición dos elementos de balizamento.

A obra inclúe a reposición doutros elementos adicionais, como as estacións de aforo e as xuntas de dilatación das pontes existentes no tramo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com