A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibía hoxe do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os terreos correspondentes ao tramo da estrada N-VI, comprendido dentro da zona de actuación DUSI. En total, 2’3 quilómetros que pasarán a incorporarse no viario urbano do Concello de Lugo o que permitirá desenvolver, con maior dilixencia, as iniciativas contempladas na Estratexia Muramiñae.
A rexedora sinalou que “esta cesión facilitará a integración da cidade e o río dunha maneira máis flexible xa que, na posta en marcha das intervencións programadas para esta contorna, se poderán aplicar conceptos urbanísticos que estean menos condicionados pola lexislación sectorial ao tratarse dun tramo que xa non se atopa contemplado dentro Rede do Estado”.
No acto, ao que en representación do executivo Central acudiu o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a alcaldesa destacou que “se ben esta actuación lle permite ao Ministerio preservar a continuidade da súa rede de estradas, como alternativa ao tramo a través da nova ponte sobre o Miño, a estrada autonómica LU-612, a autovía A-54 e a vía de altas prestacións LU-12 ata conectar novamente coa estrada N-540, para o Concello de Lugo é un paso máis que posibilita avanzar na conexión da zona urbana co leito fluvial, xa que a N-VI era unha das principais barreiras que presentaba a zona enmarcada na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible”.