O mítico Paul Schrader presenta ‘O contador de cartas’

A nova película dun dos directores máis importantes do Hollywood do último medio século chega esta semana a Codex Cinema. O contador de cartas é o último traballo de Paul Schrader, un dos guionistas e cineastas que mudaron para sempre o cinema americano nos anos 60. Schrader é unha figura conflitiva en Hollywood desde que firmara o guión de Yakuza de Sidney Pollack. Criado nunha comunidade ultrarrelixiosa, Schrader fuxiu moi novo do seu fogar para estudar e o encontro coa contracultura americana dos anos 60 tivo un impacto brutal nel.

Obsesionado coa cultura xaponesa e o cinema, fixo tamén os guións de Obsesión de Brian de Palma e moi especialmente de Taxi Driver, o famoso filme de Martin Scorsese. Serían as súas colaboracións con este último as que darían fama a Schrader, que paralelamente a súa carreira na escritura desenvolvería unha filmografía moi interesante como cineasta que inclúe American Gigolo con Richard Gere; Cat People, o remake do filme seminal de terror con Nastassja Kinski e música de David Bowie; Mishima, sobre o intelectual xaponés; ou O pracer dos estraños, adaptando a famosa novela de Ian McEwan.

O contador de cartas é o seu celebradísimo último traballo. Presentada no Festival de Venecia o pasado setembro, a película parece na grella de saída para ser unha das candidatas aos próximos Óscar de Hollywood, tanto a mellor película como con premios individuais para Schrader como guionista e director ou Oscar Isaac como actor. A historia do filme xira arredor dun antigo interrogador dunha prisión militar americana reconvertido a xogador profesional de cartas, focalizado no seu perfeccionismo. Este camiño á perfección é moi habitual nos antiheroes do cinema de Schrader, o tema central do seu cinema, o que un home é capaz de arriscar por facer ben o seu traballo e acadar a realización persoal. Desde o Travis Bickle de Taxi Driver, os protagonistas dos filmes de Schrader son homes obsesionados cunha tarefa a realizar, sexa esta importante ou non.

En O contador de cartas hai unha grande depuración formal ao tempo que un retrato marabilloso dos ambientes de festas, veladas e encontros de xogadores profesionais de cartas. A tensión dramática do poker é algo que xa realizaron moitas grandes películas na historia do cinema, como O golpe con Robert Redford e Paul Newman ou O home do brazo de ouro, o clásico de Otto Preminger con Frank Sinatra, e Schrader converte cada intercambio de farois dun xogo nun combate dramático. Unha película moi especial a cargo dun dos creadores máis persoais do cinema americano actual.

Paxaros encarcerados: a loita polos dereitos civís na Suíza dos anos oitenta
Desde Suíza chega tamén esta semana Paxaros encarcerados, un thriller sobre a historia real de Walter Sturm, un famoso delincuente que durante anos desafiou ao sistema conseguindo fuxir da cadea ata en nove ocasións. Este extraordinario feito fixo que acadara gran fama entre a poboación suíza que pese aos seus delitos consideraba a este home unha especie de Robin Hood moderno. Os seus continuos desafíos ao poder acabaron converténdoo nun símbolo entre aqueles que defendían un dereito civil e xudicial máis xusto.

A historia da vida de Sturm (finado en 1999) lévase á pantalla nun habilidoso thriller xudicial onde o carismático rei das fugas está interpretado de forma brillante por Joel Basman e onde se explica con gran acerto como a loita pola súa liberdade derivou nunha loita colectiva polos dereitos de todos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com