O sector artesán lugues estará presente nos Premios de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, coa candidatura finalista na edición deste ano, da man de Santiaago Besteiro.
Estes premios están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Con eles búscase recoñecer aquelas empresas artesás que, conservando a súa esencia de oficio tradicional, destacan pola creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
Santiago Besteiro é un artesán dedicado ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade en coiro, desde o seu obradoiro situado en Monterroso. Constituído como unha empresa unipersoal, crea unha estratexia de mercado para apostar por competir coa calidade, co deseño, coa innovación, co trato distinguido co cliente e coa concienciación medioambiental. Actualmente a empresa atópase inmersa nunha investigación para novos produtos que se adapten ás circunstancias, así como novas canles para explorar a internacionalización.