Baixo esta premisa, as ducias de organizacións ecosociais que forman o MGPC volverán un venres máis ás rúas para esixir mudanzas radicais nos nosos xeitos de producir e consumir e enfrontar así a emerxencia climática. Porén, desta vez farano dun xeito especial debido á situación de confinamento da poboación. Deste xeito, fan un chamamento á cidadanía galega para participar este 24 de abril ás 22:00 horas nun novo Día de Acción Global polo Clima dende fiestras e balcóns, proxectando nas xanelas e fachadas sombras chinesas e mensaxes e compartindo as imaxes nas redes sociais co hastag #AcciónGlobalPoloClima.
O movemento, xurdido en setembro de 2019 ao abeiro da convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future Venres polo Futuro), vén de publicar un novo manifesto no que, afirman, “non debemos descartar que a actual pandemia da COVID-19 sexa unha consecuencia máis do cambio climático e a continuada perda da biodiversidade”. Así, entendendo que a actual crise sanitaria é o máis urxente, piden tamén aprender dela: “se non aproveitamos esta forzada paralización da actividade para reducir e reorientar a nosa actividade, decidida e rapidamente, alcanzarase un cambio climático de tal magnitude e rapidez que faría imposible a nosa adaptación”. Emporiso no documento achegan tamén o seu ollar sobre as actuacións das que se debería dar conta para relanzar a actividade despois da crise sanitaria dun xeito xusto e sostible.
Previamente ao Día de Acción Global do venres 24, dende o MGPC organizaron unha completa semana de palestras web polo clima, ás que calquera pode acceder dende as ligazóns que achegan na súa web. De luns a venres persoas expertas poñen enriba da mesa as diferentes dimensións da crise ecosocial global e moitas das alternativas impulsadas dende o movemento climático.