O Multiusos acolle a exposición “35 anos da ofrenda do Antigo Reino de Galicia”

Foi aberta na delegación territorial da Xunta en Lugo a exposición “350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO”, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen facendo en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.

Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo.

A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e ten carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, comezando na Catedral lucense este percorrido. Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva para o futuro desta “chama que non se apaga”.

A exposición, está dirixida por Xulio Xiz, e coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón da Barca, Ángel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo. Esta exposición xa completou o traxecto polas sete capitais do antigo reino de Galicia, se ben están previstos novos traslados no segundo semestre deste ano.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com