O mundo ao revés de Carlos Iglesias, titiriteiro e presidente da Asociación Cultural Hipócrita Teatro, deu onte á tardiña o pistoletazo de saída ao Entroido 2017. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañadas doutros membros da Corporación, recibiron ao pregoeiro, que desprendeu ao longo de toda a súa intervención sorrisos e aplausos no Salón de Plenos do Concello. Tras o pregón, as charangas Malo Será e O.T. amenizaron as rúas da cidade.
Iglesias é membro fundador de Hipócrita Teatro. Ademais é actor e director da compañía de teatro Amador, que forma parte desta asociación. O actor, protagonizou e dirixiu pezas teatrais de distintos xéneros, drama, comedia ou farsa, entre outros, e participou en espectáculos de rúa, contacontos, improvisacións e curtas. “Sempre coa ilusión de aprender algo novo, de explorar un pedaciño máis deste basto territorio, porque para min o teatro como a vida: é unha historia que hai que crear cada día”, asegurou Iglesias.
Ata o vindeiro mércores celebraranse unha vintena de actividades. Esta mañá, o programa arrincou ás 10:00 horas, na praza Anxo Fernández Gómez, coa Feira de Produtos Típicos do Entroido, amenizada por Raíces do Campo e Os Virtuosos do Tinto, e ás 17:00 horas comezou o gran concurso de disfraces infantil, que repartiu vales por lotes de libros valorados en 1.000 euros. Ademais, Augas Férreas, Campo Castelo e a Praza do Campo, acollerán diversas actuacións musicais durante a tarde e a noite.
As xornadas de domingo e luns contemplan distintas actuacións musicais de charangas no barrio da Ponte, Montirón, o recinto histórico, na Praza da Milagrosa e en Fontiñas. Por outra banda, a Praza da Soidade e a Praza do Campo servirán de escenario para o Entroido Escénico, a cargo do grupo Nostrum Cai e Achádego. Para o martes de Entroido, o Concello ten preparadas actuacións de música tradicional e de charangas, así como un gran concurso de disfraces de adultos, que repartirá grandes premios a nivel individual, parellas e comparsas.
O Velorio da Sardiña, a procesión de Santa Compaña e o enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes poñerán o broche de ouro este mércores, ao entroido lugués.