O municipio de Lugo acada os 100.000 habitantes

O municipio de Lugo alcanzou os 100.000 habitantes, e situase como cuarta cidade do país. Esta cifra ten connotacións en asuntos tan relevantes como o financiamento estatal, o asentamento de empresas ou a planificación gobernamental das infraestruturas de comunicación.  “Hoxe é un día histórico para Lugo. Este logro non só é un fito demográfico, senón un claro sinal do éxito das nosas políticas e da forza e determinación de todos os que formamos esta comunidade”, sinalou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.

“Tras este obxectivo, polo que as forzas progresistas que formamos o Goberno local levamos anos traballando, existe unha aposta clara  por construír unha cidade de oportunidades, que ofreza a posibilidade de desenvolver tanto un proxecto persoal como profesional. Lugo é a día de hoxe  un destino atractivo para vivir”, proseguiu a rexedora quen destacou a importancia das políticas implementadas polo Goberno local para crecer en poboación. “Todo este traballo no eido urbanístico, medioambiental, económico, social, dotacional e administrativo non só está a mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns, senón que tamén fixeron de Lugo un destino atractivo para novos residentes e investidores”, concluíu.

Pola súa banda o tenente de alcaldesa Rubén Arroxo subliñaba “chegamos por fin á meta dos 100.000 habitantes, toca seguir traballando para continuar a mellorar o concello, seguir crecendo e mellorando a cidade”. A chegada aos 100.000 habitantes permitirá, segundo explicou Rubén Arroxo, que o Concello de Lugo sexa candidato a un maior financiamento estatal, ao poder optar a fondos pechados a cidades de máis de 100.000 habitantes, e aumenta o interese empresarial da cidade, dado que moitas empresas só se instalan en cidades cuxo padrón supera esta cifra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com