O Museo do Castro de Viladonga cumpre 50 anos cunha mostra sobre o patrimonio da Vía Rexia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo, a nova mostra coa que a Xunta de Galicia divulga o patrimonio cultural e natural do tramo do Camiño de Santiago que une o Castro de Viladonga e Lugo, coñecido como Vía Rexia, no marco do Xacobeo 2021-2022 e coincidindo co 50 aniversario do inicio das escavacións no Castro.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición é posible grazas ao labor do Museo do Castro de Viladonga cunha escolma bibliográfica e investigación histórica, así como un intenso traballo de campo que permitiu poñer en valor un trazado histórico “cun valor cultural e natural innegable e amplamente documentado”, indicou. A través dun percorrido de nove paneis informativos e pezas audiovisuais, afóndase neste tramo do Camiño do Norte “nun momento especialmente importante como o que estamos a vivir, en pleno Ano Santo, no que é preciso que entre todos nos esforcemos en divulgar e promover o rico patrimonio cultural que ofrece o Camiño de Santiago”, expresou.

A nova exposición aberta ao público hoxe combina paneis informativos con materiais audiovisuais que fan un percorrido literario con poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. A mostra inclúe, entre outros asuntos, a rede de camiños rurais de Galicia desde a Prehistoria ata a actualidade, o papel da Vía Rexia como unha variante do Camiño do Norte a Santiago, así como ao redor dos vestixios do castro de Viladonga. Ludrio, Duancos, Mondriz ou os Lagos de Teixeiro teñen tamén cabida na exposición, onde, ademais, se afonda nas orixes históricas da entrada a Lugo a través da ponte da Chanca. Itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo pode visitarse ata novembro no Museo do Castro de Viladonga de luns a domingo de 10,00 a 20,00 horas.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura puxo de manifesto, ademais, a importancia deste 2021, ano no que se conmemoran 50 anos de escavacións no Castro, para o que a Xunta está a ultimar unha programación que permitirá coñecer en profundidade os traballos e investigación realizada durante este tempo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com