Os xardíns do Museo Provincial acollen dende este mércores a exposición ‘Diversxs e Visibles. Arte, iconografía, educación e testemuña LGTBI’, unha mostra colectiva na que unha selección de artistas presentan a través da súa obra a diversidade sexual e de xénero da sociedade actual.
A exposición consiste nunha ducia de cubos nos xardíns do Museo Provincial nos que hai instalados imaxes e contidos relacionados coa Lei de Visibilidade e non Discriminación, afondando na temática homosexual, transexual e bisexual, na educación infantil. Os interesados en gozar desta actividade, poderán facelo ata o vindeiro 2 de xullo, nun horario de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00; domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
A deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, subliñou que “a Deputación de Lugo non é allea á importancia da colaboración das administracións públicas á hora de impulsar este tipo de campañas encamiñadas a darlle visibilidade a este colectivo, tan castigado durante anos.
“Quero pór en valor tamén a loita pacífica polo dereito a amar; a valentía das persoas que loitaron, loitan e loitarán contra unha sociedade que marxina e castiga ao diferente, ao que non encaixa. Debemos recoñecer esta diversidade, mais tamén a dignidade das persoas. Este traballo, esta loita é o orgullo”, remarcou.