Na tarde de hoxe arrancou en XornaldelugoTV o primeiro dos debates que ofrecerá a nosa canle en diferentes plataformas. Elías Somoza (BNG), Neves Núñez (En Marea), José Manuel Fernández Varela (Compromiso por Galicia) e Jesús López, empresario, debatiron intensamente sobre a diversidade do nacionalismo galego e a posibilidade de unir forzas de cara a unha loita común por Galicia.
Neste debate, que se pode seguir en directo no noso Facebook, Neves Núñez resaltou a importancia de esquecerse de “pequenas diferencias ideolóxicas” entre partidos para unir forzar e ter organización plurais “diversas e respectuosas” cun fin común.
Un dos grandes problemas que se expuxo neste debate foi a gran diversidade de ideoloxías que hai dentro do nacionalismo no que, segundo se resaltou “non sumamos nunca” algo que tamén resaltou José Manuel Fernández Varela, ao asegurar que non se pode pretender que as organizacións nacionalistas sexan “forzas de goberno” se o mensaxe “é minoritario”.
Unha mensaxe que se comparou en diversas ocasións coa realidade de Euskadi ou Cataluña onde, a pesares de que o nacionalismo tamén se atopa dividido, acaban por loitar de forma conxunta pola súa nación. Fernández Varela asegurou que “a nosa defensa como nación depende dunha realidade colectiva de país” e de ofrecer esta realidade como unha forza.
A pesares da presenza de Neves Núñez, varios dos participantes aseguraron que Galicia quedou sen representación no Parlamento dende 2011 dado que, segundo aseguraron en diversas ocsasións, En Marea, que tiña un deputado no Congreso, “non foi representación para Galicia”.
Un tinte positivo foi o que deu Elías Somoza, cando recoñeceu o “papel determinante” que pode ter para o nacionalismo o conflicto catalán, porque xerará un debate sobre o nacionalismo necesario no Estado.
Pola súa banda, Jesús López, ex membro do BNG e apartado xa da política, fixo un chamamento a todos os grupos no que pediu que falen, que cheguen a acordos para “ilusionar ao país”.
Moderados por Eloi Caldeiro, todos os debates terán lugar a partires das 20.00 horas nas instalacións de XornaldeLugo, abertas ao público que poderá participar coas cuestións que lle xurdan. No día de mañá, representantes de catro partidos que loitan pola alcaldía de Lugo debaterán sobre a Cultura.