O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou esta mañá o novo decreto de organización que rexerá o organigrama municipal nesta nova etapa. A nova estrutura, no que figuran ás competencias que ten asignadas cada un dos membros que conforman o Executivo local, dá continuidade á anterior aínda que “introduce pequenas modificacións que teñen como obxectivo principal mellorar o funcionamento da Administración e aproveitar ao máximo os perfís políticos e profesionais dos compañeiros e compañeiros do equipo de Goberno”, tal e como destacou o rexedor tras o anuncio.
Área de alcaldía e transición ecolóxica
Dentro desta área inclúese a coordinación executiva e supervisión directa dos proxectos estratéxicos de transformación da cidade, así como a Axenda 2030 para un desenvolvemento sostible. A este cometido, que ten unha relación estreitamente vencellada co labor que ata agora viña desenvolvendo Fernández na área de Transición Ecolóxica o alcalde suma a coordinación executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coa protección do medio ambiente e cambio climático, a xestión enerxética eficiente, a xestión integral de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, o ciclo da auga ou os parques e xardíns e zonas verdes da cidade.
Área de xestión integral de recursos internos, urbanismo, deportes e xuventude
Contínua ao frente desta área Pablo Permuy quen se encargará da coordinación executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coa contratación local, o patrimonio municipal, a xestión económica e financeira e a xestión de persoal e do Arde Lucus.
Área de cohesión social
Esta ampla área de xestión, que dirixirá Olga López Racamonde, ocuparase da prestación dos servizos sociais, de promoción e reinserción social. Tamén xestionará as instalacións e equipamentos de carácter social, como os pisos de emerxencia social, os centro sociais e os centros de dinamización e promoción sociocultural ou o Fogar do Transeúnte. Así mesmo seguirá desenvolvendo a acción relacionada co voluntariado social e a relación co tecido social do municipio así como as organizacións non gobernamentais.
Ademais, dentro desta área de grande importancia para a cidadanía créanse dúas concellerías de carácter específico: a concellería de Muller, Igualdade e Inclusión, que dirixirá Angeles Novo e a Concellería de Movementos Migratorios, que xestionará Waldir Sinisterra.
A primeira asume a promoción e atención á muller), así como a promoción da igualdade e diversidade en todos os eidos e o traballo en materia de conciliación. Pola súa banda, a nova área que coordinará Sinisterra traballará no ámbito migratorio e vaise encargar do impulso da convivencia e programas e actividades de integración social así como a creación de espazos de convivencia.
Área de dinamización económica e relacións institucionais
Mantén a liña de traballo e que se viña desenvolvendo ata agora con Mauricio Repetto ao fronte que continúa coas súas responsabilidades. Corresponderalle a esta área a coordinación executiva de aspectos de grande valor como fomento e promoción da actividade económica, o fomento e promoción do comercio ou formación e fomento do emprego. Así como o seguimento e xestión ordinaria da estratexia dos fondos europeos asignados pola Alcaldía e establecer relacións de colaboración con entidades de carácter municipal e supramunicipal.
Área de cohesión territorial
Ana González Abelleira continuará ao fronte desta importante área de xestión transversal encargada de asuntos como a conservación, limpeza e obras ordinarias en vías públicas e infraestruturas do ámbito rural, a dinamización e promoción sociocultural dos centros situados na zona rural e todas aquelas funcións encamiñadas á satisfacción das necesidades das parroquias. Considéranse especificamente incluídos nesta área de goberno municipal os centros de dinamización rural, Parque Móbil municipal, Brigada e Parque de Maquinaria e Unidades de Zona Rural.