Esta semana estréase en Lugo a nova película dunha das cineastas máis relevantes no circuíto de festivais das últimas dúas décadas. A intimista e persoal obra de Naomi Kawase regresa a Codex coa súa última cinta, Nais verdadeiras, que xira arredor dun dos temas centrais da filmografía da cineasta xaponesa: a maternidade. Kawase, que comezou no cinema documentando a modo dediario íntimo o seu propio proceso de dar a luz, volveu continuamente sobre os temas dos cambios que se producen nunha muller cando concibe un fillo, as relacións de sangue que se establecen e tamén os cambios sociais que se produciron nas familias durante estes últimos anos en canto a
definición de familia tradicional.
Todos estes temas están moi presentes non só nas películas de Kawase, senón que é unha cuestióncandente nunha sociedade que mestura de forma radical a tradición e a modernidade como a xaponesa. Así, a cineasta segue Satoko, unha moza que loita desesperadamente por dar a luz, mais de forma infrutuosa ata que coa axuda dunha asociación decide adoptar a un neno. O tempo pasa e a
familia crece feliz, como se esa ligazón entre nai e fillo fose natural, mais todo cambia cando aparece a nai orixinal do neno e reclama a súa maternidade.
Kawase ofrece outra lección de cine íntimo e conmovedor, cheo de imaxes poderosas onde o concepto de maternidade e de natureza virxe van da man. O poder dos elementos (vento, auga, lume) teñen unha forza especial, como se fosen puntuando un drama terrible que se ofrece de maneira moi coidadosa e humana. Nais verdadeiras foi seleccionada para participar no festival de Cannes de 2020 que finalmente non se celebrou pola urxencia sanitaria do coronavirus, o que fixo que terminase tendo a súa estrea mundial no festival de Toronto, para logo pasar por San Sebastián e acabar sendo seleccionada por Xapón para representar ao país nos Óscar de Hollywood.
Acompañando ao filme de Kawase, Codex Cinema estrea tamén esta semana Pequenos milagres en Peckham St., unha moi particular comedia coral dirixida polas cineastas búlgaras Vesela Kazakova e Mina Mileva, que debutan na ficción con esta longametraxe. O filme segue as experiencias dunha comunidade búlgara no Londres posterior ao brexit. A relación dos inmigrantes búlgaros con outras comunidades de orixe non británico é o motor dunha película que desde o humor fala da necesidade de respecto e convivencia.
O filme xira arredor dun gato que é descuberto nun oco da parede da vivenda dos protagonistas, que fará que cambie a vida de todo un edificio de veciños de diversa índole. A pesar de ser luminosa e positiva, a película consegue ser un acertado análise de todas as consecuencias políticas e sociais
dun acontecemento histórico tan relevante como a saída do Reino Unido da Unión Europea. O filme presentouse no festival de Locarno de 2019 antes de ter a súa premiere española na Seminci de Valladolid, un dos festivais máis antigos de Europa. Despois dunha larga vida en festivais de todo o continente, chega a Lugo este próximo venres.